O prezo do ourizo de mar nas lonxas galegas roza de media os 13 euros o quilo
En Aguiño é onde máis profesionais recollen ourizo e é a lonxa líder
O prezo máis caro no primeiro día da campaña superou os 17 euros o quilo
Van apañar ourizo de mar desde febreiro ata abril
Comezou a campaña do ourizo de mar, un manxar que cada vez se paga mellor. Nos últimos anos foise multiplicando o seu prezo. Nas lonxas galegas están a rozar de media os 13 euros o quilo.
A temporada do ourizo de mar en 2024 foi moi boa e a deste ano parece que se presenta tamén, segundo os profesionais do sector, "extraordinaria". Destaca en Galicia o plan de extracción compartido por Aguiño e Riberia.
"O ourizo está a chegar a uns prezos non desorbitados pero moi bos prezso. Os prezos o primeiro día, moi bos, o máis caro foi a 17 euros e pico e o máis barato sobre os 11 euros", di José Antonio Santamaría, patrón maior da confraría de Aguiño.
O ourizo de mar gaña adeptos e é cada vez máis cotizado polo seu valor culinario.
"Os novos chefs que comezaron a atoparlle ese gusto e a chamarlle o caviar galego, iso dálle moito auxe", engade.
Esta semana comezaban a campaña en Aguiño, onde máis profesionais recollen ourizo e é a lonxa líder. Van apañar desde febreiro ata abril.
"Somos os que máis embarcacións temos, unhas 114 aquí en Aguiño e a recollida de quilos baixámola un pouco esta temporada porque estamos tendo 20 quilos por cada tripulante e este ano 40 quilos como máximo por embarcación", destaca.
En Aguiño remataron a campaña do ano 2024 con 71.000 quilos e 834.000 euros de ingresos, cunha media de case 12 euros o quilo.
![](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250208/OSAUMENTAVENDAOURIZOSMAR_frame_651.png)