Medra a importación de polbo ante a escaseza do galego
A alta demanda dispara os prezos e favorece a entrada de polbo foráneo
Nas lonxas, os provedores fanse co polbo autóctono antes de que chegue a veda
Os naseiros apuran o último tramo da campaña do polbo, antes de que chegue a veda. Pero as capturas seguen a ser insuficientes para a demanda que ten este popular manxar.
"O polbo cómese moito, hai moita polbeira, o que se pesca aquí non chega, entra tamén polbo de Marrocos ou Mauritania", explica un mariñeiro de Ribeira.
Como hai pouco e a veda está á vista, os prezos dispáranse na lonxa. Os grosistas fan abastecemento e as praceiras quedan sen produto para ofrecer nos postos.
"Hai moi pouca cantidade e as conxeladoras chegan á lonxa e mercan o que hai todo xunto". "As empresas grosistas van á lonxa e marcan os prezos, nós poderíamos collelo pero a ese prezo logo aquí non o damos vendido", din as praceiras.
Esta situación propicia que o polbo de países como Francia ou O Senegal entre con cada vez máis forza nas nosas mesas.
"Se na praza non hai polbo está claro que dalgún sitio ten que chegar, pero igual non nos damos conta da orixe no momento". "En Galicia non hai polbo do país para todo o consumo que se fai en bares e polbeiras", din as clientas da praza.
Así e todo nin na praza de Noia, nin na tenda de conxelados do lado están dispostos a renunciar ao polbo da ría.
"A xente vai comprando a pesar dos prezos, ou pide polbos máis pequenos, pero non renuncian ao galego porque está moi rico", din na tenda de conxelados.
"Un polbo de Marrocos ben adubado ao mellor non o distingues, pero se tes o galego ao lado para comparar, non hai cor", comenta unha clienta.
Mentres, o sector reúnese estes días para decidir se van ampliar o tempo de veda máis aló do mes e medio habitual, co fin de preservar unha das especies máis emblemáticas da gastronomía do país.