Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan familia para Marisma, unha cadela de nove anos que leva toda a vida na canceira de Pontevedra

Buscan familia para Marisma, unha cadela de nove anos que leva toda a vida na canceira de Pontevedra

Chámase así porque foi atopada abandonada e desnutrida sendo unha cachorra nas marismas do Alba

Hai outros quince cans e cadelas que non coñecen outra realidade ca as reixas do refuxio

A protectora canina Os Palleiros acolle agora máis dun cento de animais

G24.gal 22/05/2024 20:51

O propio nome da cadela, Marisma, agocha unha crúa realidade que é común a moitos animais vítimas do desleixo humano.

"Atopárona abandonada, desnutrida, estaba nos ósos, con seis mesiños, preto da protectora, nas marismas do Alba, por iso ten ese nome. Agora ten nove anos e leva toda a vida na canceira", conta Petra Spaniol, madriña de Marisma e voluntaria da protectora de animais Os Palleiros, de Pontevedra.

Tanto Petra como os responsables da canceira iniciaron unha campaña Marisma 2024, coa que pretenden atoparlle un fogar de acollida á cadela, para que non pase un inverno máis no refuxio.

"Coa idade xa ten problemas nas articulacións polo frío que vai no refuxio, por iso non queremos que pase un inverno máis aquí. Temos que atoparlle unha familia antes do inverno", prega Petra.

Marisma é a máis veterana da protectora, pero non é o único caso que leva toda a vida entre reixas. Hai outros quince cans que non coñecen outra realidade ca a canceira municipal. Para eles tamén se busca un fogar.

A idade e tamén a burocracia, ás veces en exceso puntillosa, xoga na súa contra. Marisma ten moito de can de palleiro e algo de pitbull. "Por iso está catalogada como CPP (Can Potencialmente Perigoso) e arrastra ese estigma, que dificulta a adopción", sinala Petra Spaniol.

Na canceira hai agora 104 animais. Entran máis dos que saen. Aínda así están mellor aquí que na rúa. "Facemos todo o posible para que estean ben atendidos. Peor están os de fóra, expostos a atropelos ou enfermidades", asegura Rosa Ligero, empregada da protectora Os Palleiros.

Os paseos que lles dan os voluntarios que colaboran coa protectora alivian o presidio dos animais. Petra e Marisma agardan que a súa condena sexa revisable e atopen por fin un fogar en que ser libre.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar