Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan un atracador na comarca de Ferrol que cometeu tres asaltos en dez días

Buscan un atracador na comarca de Ferrol que cometeu tres asaltos en dez días

O ladrón emprega sempre o mesmo método

G24.gal 07/10/2021 13:39

Preocupación na comarca de Ferrol. A Policía Nacional e a Garda Civil investigan unha serie de atracos en Narón e Fene que puido cometer a mesma persoa. Emprega sempre o mesmo método. Entra nun negocio, onde hai unha muller soa, e cunha arma branca ameázaa para que lle de o que hai na caixa.

Están a analizar as cámaras de seguridade para poder dar co delincuente. O primeiro roubo produciuse ao mediodía nunha panadaría de Narón. O home entrou coa máscara como calquera cliente.

Pediu unha barra de pan e tan pronto como a muller ía atendelo o atracador pasou o mostrador e sacando unhas tesoiras pediulle os cartos a muller, que asustada escapou a parte traseira, onde se encerrou, mentres pedía auxilio. Foi entón cando o home aproveitou para levar os 200 euros da caixa e fuxir.

Un dos empregados da gasolineira afirma: "Temos un taller aí ao lado, esperou a que pechase e así que cerrou e non viu ninguén na gasolineira cometeu o atraco".

O seguinte roubo foi a uns 300 metros, uns días despois, nunha estación de servizo e pola tarde. Co mesmo proceder. Home con máscara que ao entrar pon a capucha e acurrala a dependenta detrás do mostrador para que non poida escapar. Pide os cartos e ao non llos dar saca un coitelo. Entón a traballadora deulle uns 500 euros da caixa.

O empregado di que "o home díxolle que ía saír amodo tranquilo e que si quería cando marchara que chamara a policía. Saíu todo tranquilo e despois de saír pola porta comezou a correr rúa abaixo. Era un individuo, forte, alto, dun metro oitenta, sobre trinta ou corenta anos".

O terceiro delito polo que se investiga foi en Fene nunha gasolineira. As nove e media da noite, o atracador dirixiuse a pé cara ao interior da tenda e cando entrou puxo unha capucha. Dentro cun coitelo na man obrigou á empregada para entregarlle o diñeiro apoderándose duns 600 euros.

Neste caso sospeitan que puidese ter axuda doutra persoa que o estivese esperando nun coche. O atracador cometeu os tres asaltos nun período duns dez días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar