Atopan o cadáver dun dos excursionistas cataláns desaparecidos no Nepal
Atopan o cadáver dun dos excursionistas cataláns desaparecidos no Nepal
Continúa a busca da súa parella, coa que estaba realizando unha ruta de sendeirismo na contorna do Annapurna
As autoridades do Nepal recuperaron este martes o corpo sen vida dun turista español que foi achado nun río, afirmou a EFE un portavoz da Policía nepalí, quen engadiu que están a buscar a outra turista española desaparecida que viaxaba con el.
"A Policía recuperou un corpo do río Bhurungdi", nunha zona montañosa, dixo a EFE o portavoz da municipalidade rural de Annapurna, Bharat Man Gurung, quen confirmou que se trataba dun turista español. Ademais, agregou que os equipos de rescate "continúan a procura doutra persoa desaparecida", tamén de nacionalidade española.
A Policía está a iniciar os preparativos para enviar o cadáver a Pokhara, a segunda cidade máis poboada do Nepal, con máis de medio millón de habitantes e porta de entrada habitual das expedicións ao Himalaia. Fotografías compartidas a EFE polo portavoz mostran aos equipos de rescate traballando nas operacións de procura, que se centran nunha zona montañosa e de abundante vexetación pola que flúe un río cunha forte corrente.
Unha familia catalá denunciara que hai máis de 48 horas que non conseguía contactar cun mozo de 36 anos e a súa parella, de 31, residentes en Berga e Sant Feliu Sassera (Barcelona) que se atopaban facendo unha ruta de sendeirismo na cidade de Pokhara (O Nepal).
Segundo informou a emisora RAC1, persoas próximas aos dous excursionistas denunciárono ás autoridades locais, que segundo parece atoparon xunto a un río as súas mochilas, pasaportes e teléfonos móbiles precisamente na última zona onde comunicaron ás familias que ían seguir co seu periplo pola ruta do Ghorepani, dentro do circuíto do Annapurna.
A última comunicación que mantiveron os dous excursionistas hai máis de dous días coas súas familias e amigos foron mensaxes de texto e intercambio de fotografías.
Desde os concellos de ambas as localidades confirmaron a EFE as procedencias dos veciños desaparecidos, pero pediron respecto e intimidade para as familias nestes momentos de incerteza.
Doutra banda, o Ministerio de Asuntos Exteriores, a través da embaixada en Nova Deli (A India) está a traballar no caso, e fontes oficiais do departamento explicaron que onte contactaron coas familias dos desaparecidos.
Ademais, a embaixada "permanece en contacto permanente coas autoridades nepalís, que desde esta mañá renovaron a busca cun amplo dispositivo", segundo estas fontes.