Búscanse fillos ou netos de galegos emigrados que queiran vir traballar a Galicia
Búscanse fillos ou netos de galegos emigrados que queiran vir traballar a Galicia
A Fundación Nortempo encárgase de xestionar o Programa Retorna Emprego, no que hai xa 800 inscritos
Os perfís seleccionados responden ás necesidades do mercado laboral galego
Os fillos e netos dos galegos que algún día emigraron son os destinatarios do Programa Retorna Emprego. Xa hai case mil mozos inscritos, en Europa e en América do Sur, con perfís axeitados ás necesidades dos sectores que teñen dificultades para atopar empregados aquí: o transporte de mercadorías, a hostalería, a industria do metal e tamén moitas empresas tecnolóxicas.
"Perfís de enxeñerías, en distintas especialidades, aeronaútica, computación... Temos un pouco de todo, ata persoas para facer tatuaxes", dixo Bartolomé Pidal, presidente da Fundación Nortempo.
Con fondos da Xunta, buscan eses traballadores fóra, en contacto coas asociacións de galegos na emigración.
"Nós abertos a que veñan persoas de calquera país ou calquera lugar, de España tamén, pero o que queremos é que, despois, queden", declarou Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar.
Consideran que o vínculo coa terra de orixe dos seus pais ou avós pode axudar tamén a que aumenten o número de cotizantes.
"Tratamos de dar resposta a esas necesidades que ten o tecido produtivo en todos os seus sectores con eses perfís que non poden ser ocupados co mercado laboral de Galicia. E, por outra banda, tamén contribuímos a paliar ese envellecemento demográfico ao incrementar a nosa poboación activa", engadiu Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego.
Perfís adaptados á demanda das empresas galegas, que poden inscribirse no portal Iberempleo.net.