Publicador de contidos
Publicador de contidos

José González: "A IA é unha boa ferramenta para modernizar as oficinas de emprego"

José González: "A IA é unha boa ferramenta para modernizar as oficinas de emprego"

O conselleiro de Emprego considera que pode funcionar porque permite adecuar a demanda de emprego á oferta empresarial

O programa Emprego Intelixente, de creación recente, vai chegar en 2025 aos 70.000 demandantes

G24.gal 10/11/2024 09:30

O programa Emprego Intelixente (EMI) estase a desenvolver na rede de oficinas de emprego da Xunta para axudar desde a Administración na busca de traballo.

O conselleiro de Emprego, José González, asegurou nunha entrevista na Radio Galega que están a botar man da intelixencia artificial para "obter un mellor informe de perfilado competencial".

Segundo explicou, trátase de que as persoas demandantes poidan atopar o emprego desexado e, ao mesmo tempo, o empresariado cubra a falta de profesionais que hai en sectores como a construción, o metal ou a hostalaría. 

"Estanse a analizar as competencias dos demandantes, vemos cales son as súas preferencias de traballo e determinamos se precisa dalgunha formación engadida para acceder aos postos que oferta a empresa privada". 

Baixada do paro en Galicia no último ano

Respecto ao desemprego, José González quixo salientar a baixada do paro en termos interanuais.

"Temos un descenso do 8 % no último ano, somos a comunidade na que mais descende".

Polo que se se analizan as cifras a medio e longo prazo "vexo un marco laboral dinámico e de calidade que demostra a fortaleza das nosas empresas, e polo tanto hai que ser moderadamente optimistas". "E se hai escaseza de man de obra nalgúns sectores é tamén un bo sinal sobre a nosa economía".

"Galicia oferta as maiores posibilidades para que os descendentes de galegos veñan aquí a traballar"

Asegura José González que o Goberno galego ten unha importante estratexia "unha das máis fortes da Unión Europea con diversas medidas como as bolsas BEME (para estudantes universitarios),  as axudas aos retornados ou as achegas para aqueles que queiran quedar a vivir aquí e decidan rehabilitar unha vivenda".

Salienta que dende 2017 a 2022 retornaron a Galicia 28.000 galegos, e preto do 60 % son menores de corenta anos", o que axuda a paliar o avellentamento da poboación.

A este plan Retorna súmanse os programas de formación para as persoas migrantes que están en situación irregular na nosa comunidade, para que poidan traballar canto antes.

"Colaboramos con Cáritas e as escolas de formación agraria nunha experiencia que teño que dicir que é moi satisfactoria tanto por parte dos traballadores coma dos que os contratan e nun programa no que participaron xa 145 migrantes".

Éxito do Bono Comercio

Con respecto ao bono comercio para o conselleiro de Comercio, a última edición foi todo un éxito.

"Os 2,5 millóns de euros ofertados para que os consumidores os investisen no comercio de proximidade esgotáronse en apenas dous días e participaron no programa uns 6.000 establecementos galegos".

Recoñece José González que "non é a solución para a situación pola que atravesa o comercio pero si un acicate" e anuncia que van abordar no futuro novas medidas para activar o consumo nestes establecementos cunha "estratexia que poremos en marcha no primeiro trimestre de 2025 e que se prolongará ata 2030".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade