Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cae unha banda que estafou un millón de euros a 1.200 persoas facéndose pasar por bancos

Cae unha banda que estafou un millón de euros a 1.200 persoas facéndose pasar por bancos

A Garda Civil detivo 23 persoas, acusadas de estafa, tráfico de drogas, branqueo de capitais e pertenza a organización criminal 

A rede facía crer ás súas vítimas que alguén entraba nas súas contas correntes para obter os seus datos persoais e subtraerlles os cartos

G24.gal 23/12/2024 11:44

A Garda Civil, en colaboración coa Policía Nacional, os Mossos d'Esquadra e a Ertzaintza, detivo 23 persoas como presuntos responsables de estafar máis dun millón de euros a 1.200 persoas en todo o territorio nacional. Os seus integrantes facíanse pasar por traballadores de entidades bancarias e contactaban coas vítimas a través de correos electrónicos e chamadas telefónicas.

Os arrestados están acusados de delitos de estafa, tráfico de drogas, branqueo de capitais e pertenza a organización criminal. Entre todos suman un total de 139 antecedentes por delitos contra o patrimonio e tráfico de drogas.

A investigación comezou hai un ano

Foi en outubro do 2023 cando os axentes detectaron un aumento de denuncias relacionadas con estafas virtuais en que os autores utilizaban novas tecnoloxías para enviar correos electrónicos e mensaxes en aplicacións de mensaxería e redes sociais co obxectivo de obter datos persoais das vítimas para subtraerlles diñeiro.

Os indicios apuntaban que unha parte significativa destas estafas poderíanse estar cometendo desde a comarca catalá de Osona, e máis concretamente desde a localidade de Manlleu. Desde alí, a banda realizaba a maioría das extraccións de diñeiro en caixeiros de Barcelona e Xirona, pero tamén noutros puntos, como en caixeiros do País Vasco.

Segundo informou a Garda Civil, a estafa consistía no envío masivo de mensaxes de texto a un número indeterminado de vítimas elixidas ao azar simulando que se trataba da súa entidade bancaria. Nelas, informábaselles dun acceso ilexítimo á súa conta corrente. A partir de aí, se a vítima cría a mensaxe, seguía as indicacións e accedía a unha ligazón que a levaba a unha páxina web falsa coa aparencia da real.

Os investigadores destaparon unha estrutura criminal especializada en realizar estafas leves e graves mediante 'smishing' (SMS), 'phishing' (correo electrónico) e 'vishing' (chamadas telefónicas). A maior parte das transferencias roldaban os 200 euros, pero nalgunhas ocasións chegaron a baleirar as contas bancarias das vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade