A Xunta aumenta un 40 % a dotación para as ambulancias das sete áreas sanitarias galegas
A Xunta aumenta un 40 % a dotación para as ambulancias das sete áreas sanitarias galegas
Autorizadas as licitacións por valor de 84 millóns de euros para o funcionamento de 342 vehículos sanitarios nos vindeiros dous anos
A Xunta de Galicia autorizou este luns as licitacións da rede de transporte sanitario urxente e non urxente por un valor de 84 millóns de euros para dous anos, un incremento do 40 %.
Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes Diego Calvo despois da reunión semanal ordinaria do Goberno galego, xa que o presidente da Xunta e líder do PP autonómico, Alfonso Rueda, está en Madrid, onde asiste xunto a outros líderes territoriais á Xunta Directiva Nacional do PP.
Os novos contratos afectan a 342 ambulancias no territorio das sete áreas sanitarias, xa que a licitación, nesta ocasión, foi conxunta para o total do mapa sanitario da comunidade autónoma.
As novas licitacións recollen as “melloras” de condicións económicas establecidas no acordo do V Convenio Colectivo Galego de Transporte Sanitario, que recolle actualizacións dos salarios.
O texto prevé unha actualización do 13 % para os anos 2023, 2024 e 2025, ademais de redución horaria de oito horas en 2024 e outras dezaseis horas en 2025.
Así mesmo, estes contratos fixan un aumento das dietas, do complemento de transporte e das retribucións de festivos e días especiais, entre outros incentivos.
A reunión do Executivo aprobou destinar 145.000 euros para a contratación de reforzos para a Policía Local en 11 concellos turísticos de Galicia.
Tamén deu luz verde a aumentar un 11 % a partida, ata 1,8M€, para financiar o transporte escolar adaptado para 450 alumnos e alumnas.
O Consello validou un informe de Política Social que cifra en 678 as mulleres vítimas de violencia machista que solicitaron unha axuda da Xunta para promover a súa independencia en 2023, un 19 % máis que o ano anterior. No que levamos de 2024, xa se concederon 376 prestacións deste tipo, por un máximo de 12 meses.
No mesmo eido, o Executivo galego aprobou un protocolo de protección das vítimas de violencia de xénero para aplicar na administración pública.
No eido laboral, incrementarase ata os 9,3M€ a contía para a contratación de 500 persoas desempregadas a través de entidades que prestan servizos sociais.
En atención ao reforzo do sistema galego de investigación e a consolidación de Galicia como referente en I+D+i, o Goberno galego destinará máis de 1,4 millóns de euros para a contratación de 50 científicos procedentes de programas estatais nas tres universidades públicas do país.
Asemade, o Executivo autonómico aprobou iniciar o proceso de elaboración do Plan de Investigación e Innovación 2025-2027, para potenciar o I+D+i no país.