Cambia uns reintegros por cinco cupóns e gaña 175.000 euros
Cambia uns reintegros por cinco cupóns e gaña 175.000 euros
O agraciado é un veciño da localidade coruñesa de Carballo duns 60 anos
Cambia os reintegros por cinco cupóns que resultaron premiados. A sorte repartiuna un vendedor da Once en Carballo e o premio quedou tamén na localidade coruñesa. Como acontece nestes casos, o agraciado prefire que non se coñeza, pero para o vendedor é unha ledicia repartir fortuna entre os veciños.
Jesús Pena, vendedor da Once, hoxe non daba abasto. E non é para menos, pois xa se sabe que cando un entrega un boleto premiado, a xente anímase a mercar máis. E Jesús vendeu a unha mesma persoa 5 cupóns que resultaron premiados no sorteo do martes. Este é a terceira vez que entrega premio nos dous anos que leva vendendo en Carballo.
Explica Jesús que cando llo dixo o premiado nun primeiro momento pensou que era unha broma, pero, "logo chamoume o xefe e confirmoume que foi así, que dera o premio".
En total, o agraciado gañou 175.000 euros, que van quedar nesta localidade coruñesa, pois, aínda que prefire que non se saiba, parece que é de Carballo, duns 60 anos, e tamén cliente habitual de Jesús. "Ten catro fillos e deulle un cupón a cada un", indica Jesús, e engade sentirse moi ledo de poder repartir fortuna.
O número premiado do martes rematou en 57, coincidencia ou non, son os mesmos anos que ten Jesús Pena e que fixo hai tan só uns días.