Campaña gratuíta nas farmacias da provincia de Ourense para medir os niveis de glicemia
Campaña gratuíta nas farmacias da provincia de Ourense para medir os niveis de glicemia
Na campaña, que durará ata o 30 de novembro, participan corenta farmacias
Unha campaña do Colexio de Farmacéuticos de Ourense e a Asociación Diabética Auria dálles a oportunidade aos ourensáns de toda a provincia de comprobaren de xeito gratuíto os seus niveis de glicemia. O obxectivo é que saian á luz os casos que non se coñecen e ao mesmo tempo controlar aqueles pacientes que saben da súa doenza.
Damián leva tempo seguindo os consellos do seu médico para controlar os niveis de glicemia e di sentirse moito mellor. Normalmente, compróbaos na casa, pero hoxe faino tamén na súa farmacia.
"Primeiro apertas ben contra o dedo e logo apertas o botón, e agora collemos esta gotiña. En cinco segundos dá o resultado: 142".
El é unha das moitas persoas que estes días están a participar na campaña.
"Hai moita xente que non sabe que ten o problema que ten; que non teñan medo ningún, que non teñen a culpa de que teñamos eses problemas. O remedio está nas nosas mans: facer o que nos mandan e nada máis".
A campaña está dirixida principalmente a dous grupos de poboación: a que non sabe que pode ter alteracións na glicemia e aqueles que as teñen e queren controlalas. Ademais explican os factores de risco e como diminuílos.
"Se ti tomas unha medida cando estás a tempo, como aumentar o consumo de froitas e verduras, camiñar un pouquiño máis… en vez de despois ter que estar controlando a glicosa con picadas e poñendo insulina, é unha medida que tomas cinco ou seis anos antes e moito máis sinxela de tomar", explica o farmacéutico Fernando Gil.
A proba inclúe ademais das medicións de glicemia, a do perímetro abdominal, tensión, peso e altura. Na campaña participan corenta farmacias de toda a provincia de Ourense, comezou o pasado día 14 e prolóngase ata o próximo 30 de novembro. A proba dura apenas uns minutos e é totalmente gratuíta. A quen se lle detecta algún valor alterado explícanselle os riscos e derívase ao médico, que será quen decida a gravidade dos síntomas.