Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cancelados dous voos que conectan Madrid e Santiago pola folga de Iberia Express

Cancelados dous voos que conectan Madrid e Santiago pola folga de Iberia Express

Segundo a aeroliña, os voos que operaron transcorreron sen incidencias e sen atrasos

Os tripulantes de cabina en folga reivindican a suba dos salarios, conxelados desde 2015

G24.gal 28/08/2022 20:57 Última actualización 28/08/2022 21:19

Nesta operación retorno, os aeroportos vense afectados pola folga dos tripulantes de cabina de Iberia Express, que reivindican unha suba salarial. Os paros teñen unha duración inicial de dez días. En toda España nesta primeira xornada de folga a compañía cancelou 8 voos, entre eles a ida e a volta entre Madrid e Santiago de Compostela. Segundo a aeroliña, non houbo incidentes nin atrasos en toda a xornada.

Xornada de operación retorno das vacacións nos aeroportos... Toca para moitos regresar á casa, á rutina e ao traballo.

"Non temos moitas ganas de volver, pero hai que regresar ao traballo", din algúns pasaxeiros.

E no medio de tantos desprazamentos, desenvólvese a primeira xornada de folga de tripulantes de cabina de Iberia Express. 

A aeroliña suspendeu, con antelación, para este domingo oito voos, catro de ida e catro de volta de Madrid a Gran Canaria, Palma de Mallorca, Sevilla e Santiago de Compostela.

A folga está convocada polo sindicato USO, que desenvolveron mobilizacións no aeroporto de Baraxas. Reivindican a suba dos salarios, conxelados desde 2015. 

A compañía cancelou para estes dez días de folga uns 92 voos en toda España.

"Consideramos que a empresa está a xogar unha estratexia sucia, están cancelando todos os voos de servizos non protexidos e con isto están evitando que as tripulacións non poidan exercer o seu dereito a folga", di Rubén Ramos, delegado sindical de USO en Iberia Express.

A aeroliña defende a recolocación noutros avións de gran parte dos viaxeiros dos voos cancelados. Ao resto ofreceulles cambio de data da viaxe ou reembolso dos billetes. 

"Hoxe operamos 99 voos. Todos os nosos voos de hoxe saíron puntuais. Temos un cen por cento de puntualidade", asegura Fernando Ortiz, director de produción de Iberia Express.

Os paros da tripulación están previstos ata o 6 de setembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade