Cáritas advirte da aparición de pisos caiuco e camas quentes na diocese de Santiago
Cáritas advirte da aparición de pisos caiuco e camas quentes na diocese de Santiago
O director da organización José Anuncio Mouriño explica que son alugueiros por horas a que acoden migrantes estranxeiros en situación irregular
O director de Cáritas na Diocese de Santiago José Anuncio Mouriño alerta da aparición das chamadas "camas quentes" ou "pisos caiuco" nas principais cidades galegas. Nunha entrevista no Galicia por diante, explicou que se alugan por horas a migrantes en situación irregular e que están a detectalos en cidades coma A Coruña, Santiago ou Pontevedra.
"En Madrid e Barcelona iso existía pero está sorprendendo que na nosa diocese existe. É un reflexo de que isto está mal. Está comezando a ocorrer, nós activamos a alarma e preparámonos para o que poida ocorrer. Temos que estar preparados para dar resposta e que iso non suceda. En principio, está comezando en cidades coma A Coruña, Santiago ou Pontevedra", explica Mouriño.
Cáritas Diocesanas de Santiago atendeu 47.323 persoas o ano pasado. Alerta o director de Cáritas na Diocese de Santiago de que por primeira vez hai máis usuarios migrantes de fóra de España que nacionais e sinala que "o que ocorre en Sudamérica é terrible. Veñen familias enteiras".
Apunta que está a incrementarse o número de usuarios procedentes de Cuba, Venezuela, de Colombia e de Ecuador.
Programas de emprego para hostalaría e supermercados
Anuncio Mouriño explicou que están a potenciar os programas de emprego: "Queremos que a xente sexa libre, que traballe. Estamos a facer formación en hostalaría, porque hai demanda de empregos, e en oficios para supermercados. O ano pasado gastamos en formación 900.000 euros".
Considera que a colaboración das administracións podería ser "mellor" e salienta: "Os ingresos máis importantes veñen das doazóns en especies de entidades". Cáritas recibe o 28 por cento dos seus ingresos da administración, o resto son doazóns, herdanzas, cotas de socios e colectas.
Coa campaña da declaración da renda en marcha, Anuncio Mouriño apela aos contribuíntes a que "risquen no espazo para Igrexa e entidades sociais. Hai que axudar porque o tema non está ben".