Carlos Casares e Camilo José Cela, recordo dunha amizade tras vinte anos de ausencia
Carlos Casares e Camilo José Cela, recordo dunha amizade tras vinte anos de ausencia
Homenaxe aos dous escritores dúas décadas despois do seu pasamento
Recoñecemento do traballo das fundacións que custodian o legado dos autores
As fundacións que preservan o legado literario de Camilo José Cela e Carlos Casares recordaron os escritores vinte anos despois da súa morte. Rememoraron a relación que os unía nun acto no que releron textos dos dous autores.
Historias dunha amizade: Iria Flavia en lembranza dos vinte anos de ausencia. Baixo este epígrafe comezaba este sábado en Catoira unha homenaxe a Camilo José Cela e a Carlos Casares a bordo dun drakar vikingo, como recordo tamén a Kristina Berg, viúva de Casares, de orixe sueca e falecida hai 10 anos.
Río Ulla arriba chegaban os participantes e tanto Francisco Javier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, como Adolfo Sotelo, director da Cátedra Camilo José Cela, recordaban a amizade de ambos os dous escritores.
"Carlos sempre dixo que Cela era un escritor galego aínda que escribira en castelán, e Carlos distinguía moi ben o que era o personaxe do que era a persoa. Para Carlos, Cela era un home sensible, moitas veces dubitativo pero nada que ver co personaxe que representou de cara ao público".
"Tiveron unha relación entrañable. Son dous escritores importantes na cultura galega, tanto Casares coa súa obra en galego como a obra de Cela en castelán pero de materia en moitas ocasións galega".
A xornada serviu tamén para celebrar un encontro entre escritores onde poñer en común a importancia do legado dos dous autores e da pervivencia da súa obra, como recoñecía o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
"É ese legado que custodian, difunden e proxectan as fundacións de autor ou autora, en definitiva unha parte do noso patrimonio literario e cultural vivo. E tamén o traballo que se realiza desde as fundacións na difusión doutros aspectos de ámbito cultural relacionados con cada un deles".
Con textos dos dous escritores ao pé da tumba de Camilo José Cela recordaron o falecemento do Nobel, coas instrucións que el deu para o enterro e co artigo que o seu amigo lle escribiu naquela data sen saber que 49 días despois lle chegaría a morte a el.