Carlos Cuerpo, novo ministro de Economía e María Jesús Montero é a nova vicepresidenta primeira
Carlos Cuerpo, novo ministro de Economía e María Jesús Montero é a nova vicepresidenta primeira
O ata o de agora Secretario Xeral do Tesouro asume tamén as funcións de Comercio e Empresa
Toma a remuda da galega Nadia Calviño, nova presidenta do Banco Europeo de Investimentos
Carlos Cuerpo Caballero foi nomeado este venres novo Ministro de Economía do Goberno de España polo xefe do Executivo, Pedro Sánchez.
Cuerpo incorporouse ao Corpo de Economistas do Estado en 2008 e traballou como analista económico na Dirección Xeral de Análise Macroeconómica e Economía Internacional do Ministerio de Economía e Competitividade de España.
É Doutor en Economía pola Universidade Autónoma de Madrid, máster en Economía pola London School of Economics e Licenciado en Economía pola Universidade de Estremadura.
Tamén traballou como profesor de grao e posgraduado en diversas institucións, entre elas a Universidade de Estremadura, o Centro de Estudos Económicos e Empresariais (CECO), a London School of Economics e a Universidade George Washington, entre outras.
Pedro Sánchez destacou que se trata dun profesional novo pero cualificado, do que destacou a súa solvencia e honestidade.
María Jesús Montero, ministra de Facenda, e ata este venres vicepresidenta cuarta do Goberno, ascende a vicepresidenta primeira tras a saída de Nadia Calviño que pasará a dirixir o Banco Europeo de Investimentos (BEI).
Nunha comparecencia desde o Palacio da Moncloa, Pedro Sánchez, destacou de Montero o seu "intenso e brillante traballo" e fíxoa corresponsable dos "logros económicos" do Goberno.
Sánchez explicou que con esta remodelación, que se completa coa incorporación do estremeño Carlos Cuerpo como ministro de Economía, en substitución de Calviño, o Consello de Ministros pasará de ter catro vicepresidencias a tres, ocupadas por tres mulleres: María Jesús Montero, Yolanda Díaz e Teresa Ribera.
Amais de pasar da vicepresidenta cuarta á vicepresidenta primeira, María Jesús Montero (Sevilla, 1966) seguirá sendo ministra de Facenda no Goberno de coalición entre o PSOE e Sumar. No ascenso deixa atrás a responsabilidade de Función Pública, que pasará a estar dentro do Ministerio de Transformación Dixital, liderado por José Luis Escrivá.
Desde esta posición, Montero será a encargada de coordinar a política económica do Goberno e terá que presidir os consellos de ministros en ausencia do presidente Pedro Sánchez.