Carlos Domínguez, dúas semanas de baixa por unha rotura fibrilar
Carlos Domínguez, dúas semanas de baixa por unha rotura fibrilar
Mihailo Ristic e Williot Swedberg tamén se recuperan das súas lesións
O defensa central Carlos Domínguez estará como mínimo dúas semanas de baixa despois de que as probas médicas revelasen que sofre unha rotura fibrilar de grao I no adutor da coxa dereita, informou este mércores o Celta.
O futbolista lesionouse durante o partido do pasado domingo contra o Osasuna no Sadar, onde foi substituído no descanso polo internacional sueco Carl Starfelt. De confirmarse o período de baixa estimado polos servizos médicos do club galego, Carlos Domínguez perdería o próximo partido ligueiro contra o Real Valladolid, o domingo 15 de setembro en Balaídos.
Para ese encontro, o técnico Claudio Giráldez tampouco poderá contar co extremo Alfon, que deberá cumprir un partido de sanción pola súa expulsión en Pamplona. A dúbida está na presenza do lateral esquerdo serbio Mihailo Ristic, que se recupera dunha lesión no xemelgo interno dereito, e o atacante sueco Williot Swedberg, que non puido viaxar coa selección sub-21 do seu país tras sufrir unha escordadura de nocello ante o Osasuna.