Carlos III promete os principios constitucionais ante o Parlamento británico
Carlos III promete os principios constitucionais ante o Parlamento británico
O monarca e a raíña consorte recibiron o pésame dos parlamentarios e despois o rei dirixiuse a eles
Esta tarde haberá un servizo relixioso na catedral de Edimburgo, onde se vai instalar a capela ardente de Isabel II, que este martes será trasladada a Londres
O rei Carlos III acudiu este luns ao Parlamento británico en Westminster na súa primeira visita como monarca tras o falecemento da súa nai, a raíña Isabel II o pasado día 8. Alí o novo monarca prometeou respectar os principios constitucionais e seguir con "determinación e fidelidade" o exemplo de súa nai.
Acompañado pola raíña consorte, Camila, o novo soberano escoitou en Westminster as condolencias que lle ofreceron ambas as cámaras, os Comúns (baixa) e os Lords (alta). Tras o pésame do Parlamento, el mesmo dirixiuse a eles.
Carlos III comezou o discurso agradecendo o pésame que lle expresaron os presidentes das dúas cámaras, John McFall, dos Lores, e Lindsay Hoyle, dos Comúns, que falaron do liderado e o servizo da difunta raíña e prometeron lealdade ao novo monarca.
Carlos III asegurou ante eles: "Sinto o peso da historia que nos rodea e nos recorda a importancia das tradicións parlamentarias. O Parlamento é o instrumento vivo da nosa democracia, das nosas tradicións".
"Sendo moi nova a raíña prometeu servir o seu pobo e manter os principios do Goberno constitucional. Ela fíxoo cun profundo sentimento e cumpriu este compromiso con devoción e convicción. Foi un exemplo de dedicación altruísta e espero que con este exemplo e a axuda das súas señorías eu poderei seguir con determinación e fidelidade", concluíu Carlos III.
Esta tarde, un acto semellante repetirase no Parlamento escocés.
O primeiro acto en Londres desenvolveuse en Westminster Hall, a estancia máis antiga do palacio de Westminster, que se utilizou no pasado para celebrar discursos cerimoniais. Así ocorreu nos Xubileos de Platino, Ouro e Diamantes de Isabel II.
Espérase ademais que sexa en Westminster Hall onde xacerá tamén o corpo da raíña cando sexa trasladado alí este martes, procedente de Edimburgo.
Tras estes actos en Londres, Carlos III e a súa esposa voarán a Edimburgo, capital escocesa, onde acudirán o palacio de Holyroodhouse -sede do Parlamento escocés-.
O cortexo fúnebre desprazarase desde alí a partir das 15:30, hora galega, nunha procesión que se dirixirá á catedral de St Giles, onde se celebrará un servizo relixioso ao que asistirán membros da familia real, entre eles o rei e a raíña consorte.
O cadaleito permanecerá unhas 24 horas na catedral, onde estará a capela ardente que permitirá á poboación render tributo a Isabel II. Máis tarde, o rei e a raíña consorte recibirán unha moción de condolencias no Parlamento escocés.
O martes, os restos mortais serán levados á capital británica nun avión da Real Forza Aérea (RAF). O funeral de Estado terá lugar o día 19 na Abadía de Westminster, xunto ao Parlamento británico.
Carlos III, que foi proclamado oficialmente o sábado, arrincou o seu reinado cunha axenda repleta a raíz do falecemento da súa nai o 8 de setembro aos 96 anos no castelo escocés de Balmoral.
Tan só dous días antes de morrer, Isabel II recibira -o martes anterior- á nova xefa do Goberno británico, Liz Truss, quen sucedeu ao seu colega conservador Boris Johnson.