Carlos III de Inglaterra será coronado o 6 de maio en Westminster
Carlos III de Inglaterra será coronado o 6 de maio en Westminster
Camila será coroada xunto a Carlos III como raíña consorte cunha liturxia máis sinxela
O rei Carlos III do Reino Unido será coroado o sábado 6 de maio de 2023 nunha solemne cerimonia na Abadía de Westminster de Londres xunto á raíña consorte, Camila. Así o anunciou este martes o Palacio de Buckingham.
O monarca británico, de 73 anos, recibirá o cetro e o orbe despois de 8 meses de loito pola raíña Isabel.
O rito relixioso, oficiado polo arcebispo de Canterbury, Justin Welby, "reflectirá o papel do monarca na actualidade e mirará cara ao futuro, ao mesmo tempo que estará enraizado no boato e as tradicións históricas", describiu o Palacio.
A coroación é un rito que se mantivo case sen variacións desde a conquista normanda de Inglaterra, en 1066, e celebrouse durante preto de 900 anos na Abadía de Westminster.
Agárdase que Carlos III opte por unha cerimonia algo máis modesta que a fastuosa coroación da súa nai, o 2 de xuño de 1953, e que reflicta o seu desexo de aplicar certa austeridade á realeza británica.
O novo monarca reinará no seu país e os outros 14 dos que é xefe de Estado, incluídos Australia, Canadá e Nova Zelandia.
Camila será coroada xunto a Carlos III como raíña consorte cunha liturxia "similar, aínda que máis sinxela", segundo describe o Palacio de Buckingham.