Publicador de contidos
Publicador de contidos

Macron recibe a Carlos III na súa primeira viaxe oficial a Francia

Macron recibe a Carlos III na súa primeira viaxe oficial a Francia

É a súa 36.ª visita ao país, pero a primeira desde que é rei de Inglaterra

Ten previsto dar un discurso no Senado e coñecer a restauración de Notre Dame

Antón Montero 20/09/2023 19:25 Última actualización 20/09/2023 22:59

Carlos III iniciou a súa visita oficial a Francia. O monarca británico e a súa muller Camilla foron recibidos polo presidente Emmanuel Macron en París, ao pé do Arco do Triunfo.

Nestes tres días, Carlos III ten previsto dar un discurso no Senado francés e visitar as obras de restauración de Notre Dame.

É a súa primeira viaxe a Francia desde que hai un ano herdara a coroa británica: a visita estaba prevista para o pasado mes de marzo, pero foi suspendida polos incidentes que rodearon a aprobación da reforma das pensións no país galo.

Cea en Versalles

O presidente francés Emmanuel Macron homenaxeou este mércores o rei Carlos III de Inglaterra e á súa esposa Camilla cunha suntuosa cea no palacio de Versalles que pretende simbolizar a nova relación entre os dous países, degradada desde que o Reino Unido decidira saír da UE en 2016.

No brinde de recepción, o xefe de Estado galo pronunciou un discurso en que recoñeceu que as relacións entre os dous países "non foron sempre pacíficas", aínda que asegurou que pesa "a fascinación" mutua das dúas nacións "a pesar do Brexit".

Para Macron, Carlos III simboliza "o mellor" do Reino Unido, condensado en escritores seculares como William Shakespeare, pasando pola cultura popular dos Beatles e os Rolling Stones.

O presidente francés lembrou os combates conxuntos que teñen por diante París e Londres, como o apoio a Ucraína ante a invasión rusa e a loita contra o cambio climático. O monarca británico, pola súa banda, coincidiu con Macron neses dous puntos e tachou de "azoute" o cambio climático.

Nun discurso de cariz político pronunciado esencialmente en francés, aínda que salpicado dalgunhas partes en inglés, mostrou a súa "gratitude e emoción" pola "calorosa acollida" a el e a súa esposa e agradeceu a evocación de Macron a súa nai Isabel II.

Logo presidiron unha cea para uns 160 convidados, entre eles o actor británico Hugh Grant, a franco-británica Charlotte Gainsbourg e o cantante e líder dos Rolling Stones Mick Jagger.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade