Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rei Carlos III recibe a Commonwealth antes dunha xira polo Reino Unido

O rei Carlos III recibe a Commonwealth antes dunha xira polo Reino Unido

Este luns viaxa a Edimburgo, o martes a Belfast e o venres a Gales

O monarca inicia o seu reinado coa promesa de seguir o exemplo da nai

G24.gal 11/09/2022 12:01 Última actualización 11/09/2022 12:28

O rei Carlos III do Reino Unido recibe en audiencia este domingo representantes da Commonwealth (excolonias e protectorados) antes de partir o luns cara a Edimburgo, para acompañar o féretro da súa nai e visitar despois o resto de capitais británicas.

Está previsto que o soberano de 73 anos, proclamado este sábado oficialmente, reciba no palacio de Buckingham, en Londres, a Patricia Scotland, secretaria xeral da Mancomunidade de Nacións, da que o monarca é líder honorífico, e embaixadores dos países membros.

Tras a morte de Isabel II o xoves pasado, o príncipe Carlos converteuse automaticamente en rei do Reino Unido e de catorce países da Commonwealth, dos 56 que ten o organismo de libre asociación. Porén, algúns, como Antigua e Barbuda, planean facer nos próximos anos un referendo sobre o mantemento ou non da monarquía.

Despois destes labores, acompañado pola raíña consorte Camila, Carlos III dirixirase o luns aos deputados británicos nun acto nas casas do Parlamento, no que lle expresarán as súas condolencias e el intervirá en resposta.

Viaxe a Edimburgo

Despois, ambos os dous viaxarán en avión a Edimburgo, a capital escocesa, onde o xefe de Estado pasará revista á Garda de Honra na residencia real de Holyroodhouse, antes de asistir a un servizo relixioso na catedral de Saint Giles para despedir a súa nai. 

O Rei recibirá en audiencia a ministra principal escocesa, Nicola Sturgeon, e acudirá ao Parlamento autónomo para escoitar e contestar a mensaxe de condolencia dos deputados. En días sucesivos fará o mesmo en Belfast e Gales.

Belfast e Gales

Os Reis chegan o martes a Belfast, onde recibirán políticos norirlandeses, antes de volver a Londres o mércores para que Carlos III encabece a procesión que levará o cadaleito da súa maxestade ata Westminster Hall. Alí instalarase durante catro días unha capela ardente.

O 16 de setembro, Carlos III e Camila visitarán Gales, previamente a asistir o 19 de setembro ao funeral de Estado de Isabel II na abadía de Westminster.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade