Carlos III recibe os xefes de Estado que asistirán este sábado á súa coroación
Carlos III recibe os xefes de Estado que asistirán este sábado á súa coroación
Todo preparado en Londres para unha celebración histórica
Na véspera da súa coroación, cunha axenda cargada de actos, o rei Carlos III fixo unha parada para saudar os centos de persoas reunidas no Mall, nas inmediacións do Palacio de Buckingham. O príncipe de Gales e a súa esposa tamén se achegaron falar co público antes de participar nun xantar en familia.
Pola tarde, á hora do té, o monarca británico ofreceulles unha recepción aos xefes de Estado e outros convidados á súa coroación. Foi un acto informal, sen etiqueta, ao que asistiron o rei Filipe e a raíña Letizia. Non están convidados o rei Xoán Carlos e a raíña Sofía que si asistiran ao funeral da raíña Isabel. A presenza de monarcas en exercicio é unha das diferenzas que marcará a coroación de Carlos III das dos seus antecesores.
Pola mañá o rei Carlos e a raíña Camila recibiran as autoridades británicas e dos 56 países que conforman a Commonwelth.
Foron as vésperas dunha xornada histórica en que por primeira vez despois de 70 anos, veremos a coroación dun monarca na abadía de Westmister, un lugar cargado de simbolismo para a Coroa británica. Será oficiada polo arcebispo de Canterbury e aínda que se manterán os elementos tradicionais, Carlos III introducirá cambios. Vestirá uniforme militar e empregará a coroa de Santo Eduardo.
Toda esta xornada seguirase desde as rúas por milleiros de británicos, que xa comezan a ocupar os principais puntos do percorrido real nas espectaculares carrozas, propiedade da Coroa.