Publicador de contidos
Publicador de contidos

Carlos III renova o compromiso de súa nai de entrega ao reino

Carlos III renova o compromiso de súa nai de entrega ao reino

Carlos III  agradeceu a entrega da súa nai ao trono durante toda unha vida

"Mamá, grazas polo teu amor e devoción á nosa familia"

Carlos III chora a morte dunha "nai moi querida"

G24.gal 09/09/2022 08:54 Última actualización 09/09/2022 22:19

Carlos III despediu esta tarde a súa nai, a raíña Isabel II, cun emotivo discurso no que agradeceu os seus anos de entrega á fronte da monarquía británica. 

No seu primeiro discurso como rei, Carlos de Inglaterra, comprometeuse a seguir coa mesma vida de servizo e entrega ao país que aprendeu da súa nai.

Carlos dixo que desenvolverá o seu labor coa axuda da raíña consorte, á que agradeceu o seu apoio constante.

O monarca tivo tamén palabras de cariño para os seus fillos. Tanto para Guillermo, xa novo príncipe de Gales, como para Harry.

O monarca agradeceu o apoio de todo o pobo británico nestes momentos difíciles e acabou o seu discurso cun adeus emocionado marcado por un ton máis persoal e familiar.

Carlos III agradeceu o apoio de todo o pobo británico nestes momentos difíciles e acabou o seu discurso cun adeus emocionado marcado por un ton máis persoal e familiar.

Antes do seu discurso e nada máis chegar a Londres, o rei Carlos III saudou a centos de persoas que agardaban velo ás portas do palacio de Buckingham.

Vestido de traxe escuro, Carlos intercambiou palabras coa multitude, que lle sorría con afecto e nalgún momento entoou os primeiros versos do himno nacional, que cambiou o vocábulo reina polo de rei ao implorar "God Save The King".

O rei, de 73 anos, pasou un longo intre percorrendo as filas de simpatizantes situados detrás dos valos, protexido de preto polo seu equipo de seguridade.

Despois repasou con Camila, a raíña consorte, as flores depositadas en honra da súa nai, falecida o xoves aos 96 anos no castelo escocés de Balmoral.

A súa primeira xuntanza como rei foi coa primeira ministra británica Liz Truss. Ambos reuníronse a primeira hora da tarde no palacio de Buckingham.

Chegada da primeira ministra ao palacio de Buckingham

Homenaxes de todas as institucións políticas

A primeira ministra Liz Truss xa lle rendeu homenaxe á raíña este mediodía, nun discurso ante a Cámara dos Comúns. A primeira ministra aseguraba que "foi unha das máis grandes líderes que o mundo coñecese, e foi a roca en que o Reino Unido moderno foi construído".

Homenaxe tamén de Boris Johnson, e do líder laborista Keir Starmer, que asegurou que "é imposible imaxinar o Reino Unido sen ela". No exterior, as campás de Westminster, San Pablo, o castelo de Windsor e outros recintos soaban en homenaxe a Isabel II. Amais, dende Hyde Park e outros recintos simbólicos realizouse unha salva de 96 canóns, os anos que tiña a monarca.

Ademais destes actos, as dúas Cámaras do Parlamento británico, Comúns (Baixa) e Lores (Alta), renderon tributo á soberana nunha sesión ao mediodía.

Para este sábado está previsto, ás 11:00 hora galega, a súa proclamación oficial polo chamado Consello de Ascensión, aínda que a súa coroación podería demorarse meses. 

Segundo revelou este venres un comunicado emitido pola Casa Real británica, "Súa Maxestade, o rei, será proclamado no Consello de Ascensión ás 09:00 GMT do sábado nos (chamados) Apartamentos de Estado do palacio de Saint James, en Londres".

Texto íntegro do primeiro discurso como rei de Carlos III de Inglaterra

"Diríxome hoxe a vostedes con sentimentos de profunda tristeza. Ao longo da súa vida, a súa Maxestade a raíña, a miña amada nai, foi unha inspiración e un exemplo para min e a miña familia, e temos unha sentida débeda con ela, a maior que unha familia podería chegar a ter; polo seu amor, agarimo, guía e exemplo.

A raíña Isabel II tivo unha vida ben vivida; unha promesa co destino cumprida e lamentamos profundamente a súa perda.

Esa promesa de servizo para sempre renóvoa eu hoxe con todos vostedes.

Xunto á dó persoal que sente toda a miña familia, tamén compartimos con tantos de vostedes en Reino Unido, en todos os países nos que a raíña foi xefa de Estado, na Mancomunidade de Nacións e ao redor do mundo, un profundo agradecemento por máis de 70 anos nos que a miña nai, como raíña, serviu aos pobos de tantos países.

En 1947, no seu vixésimo primeiro aniversario, prometeu nun discurso desde Cidade do Cabo para a Mancomunidade de Nacións dedicar a súa vida, fora curta ou longa, ao servizo dos seus pobos.

Iso foi máis ca unha promesa: foi un profundo compromiso persoal que definiu a súa vida enteira.

Fixo sacrificios polas súas tarefas. A súa dedicación e devoción como soberana nunca vacilaron a través de momentos de cambio e de progreso, a través de momentos de alegría e celebración e a través de momentos de tristeza e perda.

Na súa vida de servizo vimos ese amor pola tradición xunto a ese compromiso sen temor polo progreso que nos fai grandes como nacións.

O agarimo, a admiración e o respecto que inspirou convertéronse no selo do seu reinado. E como todos os membros da familia real poden testemuñar, combinou esas cualidades con calidez, humor e unha certeira capacidade de ver o mellor na xente.

Rendo tributo á memoria da miña nai e honro a súa vida de servizo. Sei que a súa morte lles provoca unha gran tristeza a moitos de vostedes e comparto esa sensación de perda sen medida con todos.

Cando a raíña chegou ao trono, Reino Unido e o mundo aínda estaban a enfrontar as privacións e os efectos da Segunda Guerra Mundial e aínda viviamos as convencións de tempos pasados.

No curso dos últimos 70 anos, vimos á nosa sociedade converterse nunha con moitas culturas e crenzas.

Á súa vez, as institucións do Estado cambiaron. Pero, a través dos cambios e os desafíos, a nosa nación e a gran familia de reinos -de cuxos talentos, tradicións e logros estou tan inefablemente orgulloso- prosperaron e floreceron. Os nosos valores permaneceron, e seguirán permanecendo, constantes.

O rol e os deberes da monarquía tamén se manterán, así como a particular relación do soberano e a responsabilidade cara á Igrexa de Inglaterra, a Igrexa na que está profundamente arraigada a miña propia fe.

Nesa crenza, e os valores que inspira, crecín para apreciar o sentido do deber a outros, e gardar o maior respecto polas prezadas tradicións, liberdades e por responsabilidade da nosa historia e o noso sistema de goberno parlamentario.

Como fixo a propia raíña con esa devoción inquebrantable, eu tamén me comprometo solemnemente, no tempo restante que Deus me conceda, a manter os principios constitucionais que están no centro da nosa nación.

E vivan onde vivan no Reino Unido, nos reinos e territorios ao redor do mundo, e sexan cales sexan as súas crenzas ou orixes, procurarei servilos con lealdade, respecto e amor, como fixen ao longo da miña vida.

A miña vida por suposto cambiará a medida que asumo as miñas novas responsabilidades. Xa non me será posible dedicar tanto tempo nin enerxía ás organizacións benéficas e asuntos que me preocupan profundamente. Pero sei que ese importante traballo continuará nas mans doutros.

Este tamén é un momento de cambio para a miña familia. Conto coa estimable axuda da miña querida esposa, Camila. En recoñecemento ao seu leal servizo desde o noso matrimonio hai 17 anos agora convértese en raíña consorte. Sei que achegará ás demandas do seu novo rol a continua devoción ao deber na que eu tanto confiei.

Como herdeiro meu, William asume agora os títulos escoceses que tanto significaron para min. Sucédeme como duque de Cornualles e asume as responsabilidades do Ducado de Cornualles que eu cumprín durante máis de cinco décadas.

Hoxe estou orgulloso de converterlo en príncipe de Gales, Tywysog Cymru, o país cuxo título tiven o gran privilexio de levar durante gran parte da miña vida e o meu traballo.

Con kate ao seu lado, sei que o noso novo príncipe e princesa de Gales continuarán inspirando e liderando as nosas conversacións como país, axudando a que o marxinal pase a estar nun posto central, onde se lle poida prestar axuda vital.

Tamén quero expresar o meu amor por Harry e Meghan mentres continúan construíndo as súas vidas no estranxeiro.

En pouco máis dunha semana reunirémonos como nación, como Mancomunidade de Nacións e comunidade global, para dar sepultura á miña amada nai. Na nosa dor, lembremos e saquemos forza da luz do seu exemplo. De parte de toda a miña familia, só podo ofrecer o meu máis profundo e sincero agradecemento polas súas condolencias e apoio. Significan moito máis para min do que xamais podería expresar.

E á miña amada mamá, no momento en que empezas o teu último gran viaxe para acompañar ao meu querido papá falecido, simplemente quero dicir: grazas. Grazas polo teu amor e a túa devoción coa nosa familia e a familia das nacións que serviches de forma tan dilixente todos estes anos.

Que os anxos e os seus cantos te acompañen ao teu eterno descanso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade