Carola García-Calvo: "A ameaza terrorista está en individuos que se autocapacitan a través de Internet"
Carola García-Calvo: "A ameaza terrorista está en individuos que se autocapacitan a través de Internet"
Carola García-Calvo: "A ameaza terrorista está en individuos que se autocapacitan a través de Internet"
A investigadora principal do Instituto Elcano e experta en radicalización e terrorismo global sinala que na actualidade a ameaza está nos chamados lobos solitarios
Apunta que tanto Al Qaeda como o Estado Islámico están tratando de instrumentalizar a guerra en Gaza
A investigadora principal do Real Instituto Elcano e experta en radicalización e terrorismo global, Carola García-Calvo, apuntaba, nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, que a ameaza xihadista en España e Europa mudou desde os atentados do 11M e que na actualidade "falaríamos dunha ameaza menos relacionada coas matrices de referencia, Al Qaeda e Estado Islámico, e máis flexible e individual protagonizada en maior medida por individuos que se autocapacitan a través de Internet e das redes sociais".
A investigadora principal do Instituto Elcano e experta en radicalización e terrorismo global sinala que na actualidade a ameaza está nos chamados lobos solitarios
Sostén que os chamados lobos solitarios "se mobilizan de xeito máis rudimentario e protagonizando complots menos sofisticados e dunha mortaldade por baixo do que se viu no 11M onde os terroristas tiñan relación directa con Al Qaeda e experiencia".
Asegura que neste momento tanto Al Qaeda como o Estado Islámico compiten e ningunha delas renuncia a levar a vitoria dun "gran golpe en Occidente". Con todo, explica que agora as organizacións están "máis debilitadas e non teñen as capacidades que tiñan" pola acción dos estados e o reforzo e mellora da loita contra o terrorismo.
Carola García-Calvo destaca que Internet e as redes sociais son "un lugar propicio e preferente para actividades de radicalización e recrutamento", máis desde a pandemia sanitaria. Apunta que isto fai que as actividades de prevención se centren nese espazo. Aínda así, explica que seguen a producirse procesos de radicalización violenta en espazos físicos como domicilios particulares ou lugares de reunión dos mozos musulmáns. A investigadora afirmou que aquí en España, ao contrario de outros países coma O Reino Unido ou Francia, o interior das mesquitas non son fonte de mobilización e captación xihadista.
Apunta tamén que as prisións son espazos de captación e que en España o 25 por cento dos individuos condenados se radicalizaron nos cárceres. Unha cifra que, segundo Carlota García-Calvo, non é alta en comparación coa doutros países. Apuntan que na loita contra o terrorismo xihadista, as cadeas son elementos clave onde existen programas de rehabilitación e de integración.
Apunta que tanto Al Qaeda como o Estado Islámico están tratando de instrumentalizar a guerra en Gaza
García-Calvo admite que a guerra en Gaza pode ser unha razón para a radicalización e que é un momento especialmente sensible e as autoridades son conscientes.
"Estamos vendo que tanto Al Qaeda como o Estado Islámico, están tratando de instrumentalizar este conflito a través da súa propaganda. Están a utilizar as imaxes tan tremendas que nos está deixando a guerra para mobilizar e animar os seus simpatizantes contra Israel, contra os xudeus e contra Occidente pola súa inacción ante o padecemento do pobo palestino", apunta.
Destaca que neste momento a prioridade é ver e controlar esa propaganda para tratar de previr posibles atentados que, ao seu entender, sería protagonizados por individuos pola súa propia conta pero que poden evolucionar en función de como vaia a situación en Gaza.