Casado convoca a Xunta Directiva Nacional do PP para o luns
Casado convoca a Xunta Directiva Nacional do PP para o luns
Tensa xuntanza do comité de dirección para atallar a crise
Ayuso cre que é hora dun xiro absoluto
Son as horas máis decisivas nos case catro anos de liderado de Pablo Casado no PP. O comité de dirección dos populares reuniuse durante case nove horas para buscar unha saída á crise aberta tras o enfrontamento con Isabel Díaz Ayuso.
O encontro rematou cunha convocatoria o vindeiro luns da Xunta Directiva Nacional, o máximo órgano entre congresos.
Fontes presentes na xuntanza falan dun encontro tenso en que se evidenciou a división deste núcleo duro entre os que piden o cesamento do secretario xeral Teodoro García Egea e os partidarios de resistir as presións dos baróns territoriais.
A pesar de que Casado deu por boas as explicacións sobre os negocios do seu irmán, Díaz Ayuso non afrouxa a presión.
A presidenta da Comunidade de Madrid dixo que a situación é insostible: "Creo que cada día que pasa imos a peor, ímonos desintegrando. Aquí fai falla un xiro absoluto".
Un xiro do que Ayuso non quixo aclarar se incluiría a renuncia do propio Casado. En todo caso, ela autodescártase como posible sucesora: "O meu compromiso está e seguirá en Madrid".
Vinte e catro horas despois de que varios centos de manifestantes pedisen a renuncia do líder popular, este luns varios dirixentes provinciais acudiron á sede de Génova a apoialo. O deputado do PP no Parlamento andaluz Ramón Herrera dixo: "Só vin a mostrar o meu apoio ao presidente, e facémolo ademais en persoa".
O líder do PP catalán Alejandro Fernández foi o último en reclamar que se lles dea voz aos afiliados, unha maneira de esixir un congreso que renove o mando do partido.