Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case 650 galegos aprenderán idiomas este verán no estranxeiro con bolsas da Xunta

Case 650 galegos aprenderán idiomas este verán no estranxeiro con bolsas da Xunta

A Xunta de Galicia vai destinar 2 millóns de euros a este programa de formación

O conselleiro Román Rodríguez participou nunha recepción aos estudantes
G24.gal 29/06/2024 17:07

Un total de 645 estudantes galegos realizarán estancias este verán en cinco países para mellorar o seu nivel de idiomas grazas ás bolsas da Xunta, cun importe de arredor de dous millóns de euros.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou este sábado na xornada de benvida aos alumnos de Bacharelato que este verán viaxarán ao estranxeiro para mellorar o seu nivel en diferentes idiomas.

Rodríguez desexoulles a todos eles "a mellor formación e experiencia" nunhas estancias que teñen como obxectivo non só que os estudantes aprendan unha lingua estranxeira, senón tamén "que entren en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades" nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro.

Segundo o conselleiro, a iniciativa "contribúe á súa formación integral e ao seu desenvolvemento persoal en plena adolescencia" e é ademais "unha porta de entrada a unha nova cultura, a outra forma de ver e entender o mundo".

Para o programa de estancias lingüísticas en países estranxeiros deste verán seleccionáronse un total de 407 alumnos de 1º de bacharelato e 238 alumnos de 2º de bacharelato, que gozarán de tres semanas nunha contorna residencial ou familiar no Reino Unido, Francia, Portugal, O Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto.

Así, 339 estudantes viaxarán ao Reino Unido e 230 ao Canadá para mellorar os seus coñecementos de inglés; 60 farano a Francia para mellorar o francés; dez irán a Alemaña para mellorar o seu alemán e seis a Portugal para reforzar o seu portugués. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade