Sito Miñanco tiña funcionarios que lle daban información policial
Sito Miñanco tiña funcionarios que lle daban información policial
É a declaración como testemuña dun dos policías nacionais que dirixiu a operación Mito, na que acabou detido Prado Bugallo
A Fiscalía pide para o narco máis de trinta anos de cadea por intentar introducir case catro toneladas e cocaína e a ocultación de máis de once millóns de euros
Un dos policías nacionais que dirixiron a operación Mito contra o narcotráfico testificou no xuízo que o principal acusado, José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, "contaba ao cen por cento coa conivencia de funcionarios que lle daban" información policial.
A Audiencia Nacional celebrou este martes a sexta xornada do xuízo, no que sentan no banco 46 acusados, entre eles o histórico narco galego Sito Miñanco, para quen a Fiscalía pide 31 anos e seis meses de prisión polo intento de introdución en España en 2017 de case catro toneladas de cocaína procedente de América do Sur, a ocultación de máis de 11 millóns de euros e o branqueo do diñeiro.
Na xornada deste martes compareceu o subinspector dun dos Grupos de Resposta Especial para o Crime Organizado (GRECO) da Policía Nacional encargado da parte do operativo levado a cabo na Costa do Sol desde 2016 ata a detención de Sito Miñanco o 5 de febreiro de 2018.
Declarou que no rexistro no seu domicilio de Alxeciras incautaron máis de 300.000 euros en metálico, ademais de documentos con anotacións de recollidas de diversas cantidades de diñeiro e cálculos de combustible para as lanchas rápidas que fabricaba no seu estaleiro de Cambados para recoller a droga en alta mar.
Tamén atoparon anotacións de placas de matrículas de coches da Policía Nacional con tal detalle que mesmo estaban divididas por unidades, GRECO, UDYCO (de Drogas e Crime Organizado), EDOA (De Delincuencia Organizada e Antidroga) e Aduanas, co que "ao cen por cento contaba coa conivencia de funcionarios que lle daban esa información", concluíu.
O responsable policial relatou que realizaron seguimentos desde 2016 a Sito Miñanco, que residía en Alxeciras, onde cumpría unha condena xa en réxime aberto por unha sentenza dun procedemento anterior de tráfico de drogas. E dixo que detectaron que retomara a súa actividade ilícita con numerosas reunións sobre todo en Marbella, onde se desprazaban as súas persoas de confianza desde Galicia e Madrid.
Relatou o policía que estaban a preparar unha operación de narcotráfico desde América do Sur e que detectaron que o 3 de outubro de 2017 Sito Miñanco estaba moi preocupado porque non podían contactar nin co barco que traía a cocaína nin coa lancha rápida que enviaran para recoller a droga en alta mar.
Posteriormente coñeceron que o día anterior fora abordado nas Azores polas Forzas de Seguridade o buque Thoran no que ían ocultos 3.305 quilos de cocaína procedentes do Ecuador.
O 9 de novembro seguinte foron intervidos outros 615 quilos nunha nave en Países Baixos, introducidos nun contedor.
"É incrible porque isto pásalle a outra organización e afúndense pero lonxe de vir abaixo tras perder case catro toneladas de cocaína nestas dúas operacións xa estaban a preparar outras, de 1.000, 1.500 e 5.000 quilos", subliñou o responsable policial.
Con todo comentou que tras a caída da droga en Países Baixos preocupáronse moito porque os subministradores colombianos esixíanlles probas de que non se trataba dun roubo. Por iso a organización de Sito Miñanco esixiu ao presunto responsable deste transporte en Países Baixos, un holandés tamén acusado neste xuízo, que se fixese co atestado policial "para dárllelo como proba aos colombianos, xa que as súas vidas corrían perigo", indicou.