Dispárase a presión hospitalaria en Galicia tras o ingreso de 40 persoas
Dispárase a presión hospitalaria en Galicia tras o ingreso de 40 persoas
Hai 394 doentes en planta e 55 nas unidades de coidados intensivos
O Sergas notificou a morte de dúas persoas en Pontevedra e Santiago
Remataron as festas e agroman os casos, como xa sucedera o inverno pasado. Galicia suma este domingo 5.585 contaxios, a terceira cifra máis alta desta vaga.
Vigo é a área sanitaria máis prexudicada, con 1.743 contaxios nas últimas horas, pero todas subiron respecto ao día anterior. A Coruña achégase aos 1.000 casos novos.
Santiago rexistra 733 e Ourense volve chegar aos 700. Lugo notificou a cifra máis alta desta vaga, con 581 casos; Pontevedra computou 517, e Ferrol detectou 320.
Casos activos
Con esta cifra de positivos novos, facilitada polo Sergas, o número de casos activos dispárase e sitúase nos 65.335, 2.642 máis ca na xornada anterior. As áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago seguen a ser as máis afectadas, pero todas rexistran subas:
-Vigo: 14.851 (+1.106)
-A Coruña: 12.286 (+482)
-Santiago: 11.653 (+181)
-Ourense: 8.089 (+283)
-Pontevedra: 7.689 (+159)
-Lugo: 6.620 (+309)
-Ferrol: 4.147 (+221)
Cidades con máis contaxios
Os concellos que suman máis positivos na última semana son:
-Vigo: 2.961 (+97)
-A Coruña: 2.384 (-109)
-Ourense: 1.729 (+85)
-Lugo: 1.255 (+8)
-Santiago: 973 (-94)
-Pontevedra: 822 (-31)
-Ferrol: 670 (-53)
Presión hospitalaria
Tamén empeora de xeito considerable a presión hospitalaria. Hai 36 doentes máis en planta e catro máis nas unidades de coidados intensivos.
En total, 449 persoas diagnosticadas coa covid–19 permanecen ingresadas nestes momentos nas distintas áreas sanitarias, 55 delas nas UCI.
Segundo Sanidade, o 60 % de pacientes que están en coidados intensivos son persoas non vacinadas. Apenas o 6 % da poboación galega que está sen vacinar aínda está xerando máis do 60 % dos ingresos nas UCI.
Cifra estable
Precisamente nestas unidades a cifra de pacientes (55) mantense bastante estable na sexta vaga. O ano pasado a estas alturas había 63, pero rematado xaneiro superáronse os 250 críticos. Daquela a maioría da poboación estaba aínda sen vacinar.
Tampouco é comparable a cifra de persoas coa enfermidade que temos agora, 65.335, con respecto á de hai un ano, 7.392. Porcentualmente daquela ingresaba máis xente infectada.
Falecementos
Nas últimas horas, o Sergas notificou a morte de dous homes coa covid–19, de 90 e 84 anos respectivamente, en Pontevedra e Santiago. Padecían patoloxías previas. Dende o inicio de ano, faleceron un total de 52 persoas.