Publicador de contidos
Publicador de contidos

Última xornada na Toxa con debates sobre globalización e vínculo atlántico

Última xornada na Toxa con debates sobre globalización e vínculo atlántico

Pedro Sánchez clausura o foro de xeito telemático porque segue a dar positivo por covid

Catro presidente autonómicos intercambian ideas sobre demografía e fiscalidade

G24.gal 01/10/2022 08:58 Última actualización 01/10/2022 13:32

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, clausura a partir das 12:30 horas de xeito telemático a IV edición do Foro A Toxa-Vínculo Atlántico, porque segue a dar positivo por covid. Será o seu primeiro acto tras a presentación por parte do seu executivo da reforma fiscal. 

Durante a mañá, intervén o gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, nunha mesa redonda sobre o futuro da globalización na que participa o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas.

Pola súa banda, o Alto Representante para a Política Exterior e de Seguridade da UE, Josep Borrell, participa nun encontro sobre o renacer do vínculo atlántico. 

Demografía e impostos

No mesmo foro, os presidentes de Galicia, Alfonso Rueda; Navarra, María Chivite; Valencia, Ximo Puig; e Andalucía, Juan Manuel Moreno debateron este venres sobre demografía e cohesión territorial e compartiron ideas sobre como impulsar a natalidade.

"Creo que hai tres cousas fundamentais: emprego, vivenda e conciliación", argumentou María Chivite. 

Coincidiron os catro, dous populares (Galicia e Andalucía) e dous socialistas (Navarra e Valencia) en que captar investimentos axuda a combater o despoboamento, pero non na fórmula, e aí coouse o debate sobre impostos.

"Somos unha comunidade que algunha vez tacharon de inferno fiscal, agora menos, e somos a segunda que máis empresas con saldo positivo que veñen doutras comunidades autónomas", argumentou Puig.

O presidente andaluz defende medidas como a do seu Goberno de bonificar ao 100 % do imposto de patrimonio para incentivar que os estranxeiros fixen o seu domicilio fiscal en Andalucía.

"Que é unha fiscalidade amable? É a que permite competir con outros territorios. E iso incide na poboación realmente? Pois eu cos datos na man respondo que si", defendeu Moreno Bonilla.

O presidente da Xunta reivindicou que Galicia é comunidade pioneira en medidas demográficas e contra o despoboamento, e puxo exemplos como a gratuidade das garderías ou os impostos cero no rural.

"En Galicia xa se é familia numerosa con dous fillos a efectos fiscais e dende setembro a educación infantil é absolutamente gratuíta. Imos conseguir só por iso que nazan máis nenos en Galicia? Non, pero evidentemente é un estímulo", dixo Alfonso Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade