Cear fóra da casa en Noiteboa vai gañando adeptos
Cear fóra da casa en Noiteboa vai gañando adeptos
Aumentan os clientes en busca dunha cea especial e aloxamento en Noiteboa
No Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, hai polo menos unha década que aprecian unha demanda crecente de clientes en Noiteboa. Ao principio sobre todo para cear, actualmente tamén para durmir, segundo explica a súa subdirectora, Esther González.
"Xa chegan o 24 pola mañá. Pasan todo o día en Santiago, celebran con nós a Noiteboa e mañá almorzan. Hai quen queda máis noites e quen marcha. A maior parte das mesas dispostas para a cea de hoxe son de xente aloxada".
O hostal está ao 60 % de ocupación. As 130 persoas que pasan esta noite alí comezarán a celebración cun aperitivo na capela, seguido da cea nos comedores reais.
"Na Noiteboa non hai unha festa coma a do día 31 porque á xente gústalle moito ir á misa do Galo na catedral".
Entre os comensais desta noite hai algunha familia de varios membros, pero non é o perfil máis frecuente.
"Habitualmente son parellas, sobre todo nacionais, o que supón unha diferenza con respecto ao resto do ano, xa que o noso cliente principal é internacional nun 70 ou 80 %".
Para fin de ano o establecemento vai estar cheo. Din que as prazas se venderon rápido.
"Todas as opcións son boas, tanto quedar na casa como vir, pero se un vén aquí vai atopar todo feito. Só ten que preocuparse por arranxarse, vir e gozar".