Celta e Vilarreal garanten os goles nos últimos enfrontamentos
O partido da primeira volta rematou cun espectacular 4-3
O ano pasado xogaron en Balaídos na xornada 34 con vitoria celeste por 3-2
Os partidos que xogan Celta e Vilarreal foron garantía de espectáculo nas últimas temporadas. Os dous equipos están a realizar un gran campionato e precisan o triunfo no duelo que xogan este mércores en Vigo. O Celta para seguir loitando pola praza europea e o Vilarreal para asegurar a quinta posición, que este ano dá acceso a xogar a Liga de Campións.
Só temos que mirar para o partido da primeira volta para ver a aposta ofensiva dos dous equipos. No Madrigal viuse un dos mellores partidos de toda a Liga con vitoria local por 4-3 despois dun partido memorable.
O ano pasado enfrontáronse a estas alturas do campionato en Balaídos e daquela o resultado caera do lado celeste por 3-2 nun partido cheo de alternativas e resolto cun gol de Strand Larsen nos últimos minutos.
O partido da primeira volta dese campionato 23-24 tamén rematara co mesmo resultado de 3-2 despois dunha primeira parte nefasta do equipo entón dirixido por Benítez pero cunha gran reacción no segundo tempo.
Dos últimos oito enfrontamentos o Celta só lle conseguiu gañar dous ao Vilarreal e buscará mudar esa tendencia. E ollo co dato goleador porque o conxunto vigués non conseguiu deixar a súa porta a cero contra os amarelos nos últimos 17 partidos. Nos derradeiros quince partidos o promedio goleador entre Celta e Vilarreal resulta espectacular (3'8 goles por partido) e na retina de todos os afeccionados queda o memorable partido que xogaron na campaña 18-19 co Celta nunha situación crítica e gañando un partido que perdía por 0-2 grazas a unha das actuacións máis recordadas de Iago Aspas con dous goles.