César Mogo: "Vexo un Besteiro reforzado e cun liderado potente"
César Mogo: "Vexo un Besteiro reforzado e cun liderado potente"
O novo responsable de Emigración e Acción Exterior do PSOE asegura que o socialismo galego sae reforzado na nova Executiva
Considera que José Ramón Gómez Besteiro é o mellor candidato para liderar un cambio de Goberno en Galicia
O senador lucense César Mogo considera que o socialismo galego sae reforzado na nova executiva federal do PSOE, ó haber sete galegos máis nos órganos de dirección, dous máis. Mogo asume a responsable de Emigración e Acción exterior dentro do partido.
Nunha entrevista na Radio Galega, o senador considera que, ademais, a figura de José Ramón Gómez Besteiro é un valor engadido dentro do PSdeG e o mellor candidato posible.
"Vexo un Besteiro reforzado por este tempo de xestión. Non teño a menor dúbida do seu liderado potente. As súas tarefas na oposición marcan o rumbo do noso proxecto: e dunha oposición sólida e pegada ao terreo".
Pensando en próximas convocatorias electorais, César Mogo considera que o reto do PSdeG é liderar a oposición, facerse forte e non quedar apreixado en xogos dialécticos.
"Cómpre transmitirlle a cidadanía que o socialismo en Galicia é útil e ten proxecto e que só del pode vir o cambio progresista. O electorado non ten a culpa, a culpa sempre é dos partidos".
En clave Estatal, di non estar preocupado polas últimas revelacións sobre o caso Koldo. Asegura que non salpican o partido, senón a persoas que se aproveitaron da súa posición e lembra que o PSOE sempre foi contundente coa corrupción, un mal que paira en todas as formacións.
"Non me gustan os asuntos que envolven o partido pero non me preocupan porque non vinculan ao PSOE. Nós actuamos rápido pero a corrupción pode darse en calquera formación. Eu, no Senado, convivo con Baltar, que ten un proceso penal aberto por un delito contra a seguridade viaria".
Mogo confía en que o Goberno poida sacar adiante os orzamentos para 2025 e desmente que a conexión Vigo-O Porto ocupe un lugar secundario dentro das prioridades do Goberno de Pedro Sánchez.
Sostén que a infraestrutura estará lista en 2030 do lado galego e animarán á parte portuguesa a que tamén cumpra cos prazos.