O PSdeG propón crear un banco público de alugueiro para recuperar vivendas baleiras
O PSdeG propón crear un banco público de alugueiro para recuperar vivendas baleiras
Besteiro carga contra a "inacción" do PP respecto ao problema da vivenda
A proposta ten o obxectivo de poñer no mercado unhas 5.000 vivendas, para o que se necesitarían 20 millóns de euros
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este martes a proposta de crear un banco público de alugueiro en Galicia co obxectivo de recuperar ata 5.000 vivendas baleiras nun ano, que pasarían a estar dispoñibles para o alugueiro público e responder así á "emerxencia inmobiliaria".
Durante unha acción informativa no Campus Sur de Compostela, onde presentou esta iniciativa acompañado do secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, Besteiro cargou contra a "inacción" do PP en materia de vivenda, mentres o rexistro público de demandantes supera xa os 18.300 rexistrados.
Besteiro criticou que o PP ata o terceiro trimestre do ano do Goberno de Rueda "só foi capaz de executar un 10 % do orzamento para vivenda".
"Durante os últimos 15 anos apenas se construíu vivenda pública", expresou, e contrapuxo esta imaxe coa do mandato do socialista Emilio Pérez Touriño, que durante catro anos "construíu máis vivenda" que nos 15 do PP, o que demostra que os populares teñen "compromiso cero" con este asunto.
Segundo o dirixente socialista, as administracións non deben unicamente promover a construción de vivenda pública, senón tamén "intervir no mercado e garantir prezos moderados e a accesibilidade como un dereito constitucional".
Neste sentido, dixo que hai que intervir no ámbito de recuperación do patrimonio inmobiliario, recuperando as vivendas dos anos 60 "que están en condicións de accesibilidade complicada" e que hai que poñelas "en valor" para ser alugadas.
Nun momento no que os prezos están "disparados" e "absolutamente desconectados das posibilidades de compra, sobre todo, dos mozos", a iniciativa do PSdeG permitiría poñer no mercado unhas 5.000 vivendas "nunha primeira rolda en toda Galicia", para o que se necesitarían 20 millóns de euros, informou.
A fórmula permitiría ademais "preservar os dereitos das persoas que queren alugar a súa vivenda, pero que tamén están preocupadas por se lles pagarán o alugueiro e en que condicións quedará a vivenda unha vez finalice o período de alugueiro".
"Todo isto pódese garantir cando a Administración actúa como verdadeira intermediaria", afirmou Besteiro, que lembrou que esta proposta estaba pensada para que se incluíse nos orzamentos de 2025, pero que foi "descartada" polo PP.
De feito, o secretario xeral do PSdeG foi crítico co "rolete" do PP á hora de tramitar os orzamentos, que serán aprobados este martes durante o último pleno do Parlamento neste ano.
Segundo dixo, ese "absurdo" de "non entrar a discutir unhas contas públicas" é "o maior reflexo de como un fai política", sen buscar "consensos".
Ademais, declarou que o propio proceso estivo marcado polas "vacilacións do PP", debido a que chegaron mesmo a "autoemendarse".
Pola súa banda, Doval adiantou os detalles da campaña informativa que desenvolverá a organización xuvenil en distintos puntos da xeografía galega ao longo das próximas semanas para dar a coñecer a proposta.
Agregou que se trata dunha acción "centrada nos máis novos", xa que é un sector da poboación especialmente afectado polo problema habitacional, debido ás súas reducidas posibilidades económicas.
"Estamos a falar de que en Galicia hai 250.000 mozos que non poden emanciparse porque o alugueiro supón máis do 60 % do seu salario", sinalou Doval, que lamenta que o PP "bloquee" as políticas de vivenda.