Gonzalo Caballero: "Hai moitos militantes que me están pedindo que dea un paso adiante"
Gonzalo Caballero: "Hai moitos militantes que me están pedindo que dea un paso adiante"
O exsecretario xeral do PSdeG asegura que é necesario un cambio na dirección do seu partido en Galicia: "Ou apostamos polo cambio ou manteremos a irrelevancia"
Caballero esixe "exemplaridade" ao seu partido ante comportamentos "inadecuados": "En toda actividade política hai que ter petos de cristal"
O exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero asegura que o seu partido necesita "unha segunda remonta en Galicia". Caballero é moi crítico co labor que está desenvolvendo o actual responsable do partido, José Ramón Gómez Besteiro, contrapón a situación actual cos resultados acadados polo PSdeG nos tres anos nos que ostentou a secretaría xeral do partido, e convida a súa formación a facer "unha reflexión".
"O PSdeG perdeu cinco deputados no Parlamento, tres deputados no Congreso, temos un senador menos, unha Deputación menos, perdemos dúas das cinco alcaldías das cidades, temos 160 concelleiros menos e conseguimos o peor resultado da historia nunhas eleccións autonómicas. Hai que facer unha reflexión", indicou nunha entrevista no Bos días.
Gonzalo Caballero afirma que "non teño necesidade de estar na política activa", pero confesa que "hai moitos militantes que me están pedindo que dea un paso adiante".
Asegura que "ou apostamos polo cambio ou manterémonos na irrelevancia" e aposta por un PSdeG forte que poda liderar unha alternativa ao Partido Popular".
Caballero considera "un erro" que a dirección federal do partido mantivera a Besteiro a fronte da secretaría xeral tras as últimas eleccións autonómicas e pide "dar voz á militancia" para "fortalecer o PSdeG e saír desta situación de irrelevancia". Non aclara se dará un paso adiante pero apunta: "Seguirei traballando por un PSdeG fóra da irrelevancia. Tempo ao tempo".
"Non se pode perdoar a ninguén cando hai algún tipo de conduta impropia, sexa do partido dun ou do outro"
Caballero pide que se "deixe funcionar a xustiza" ante os casos de corrupción que salpican o Partido Socialista. "Respecto a actividade xudicial e creo que en toda actividade política hai que ter os petos de cristal. Non se pode perdoar a ninguén cando hai algún tipo de conduta impropia, sexa do partido de un ou do outro".
O exsecretario xeral do PSdeG aposta por un grande acordo de todos os partidos para loitar contra a corrupción e recalca: "No meu partido esixirei exemplaridade e alí onde hai comportamentos inadecuados hai que tomar medidas e sacalos da vida publica: petos de cristal, transparencia e exemplaridade".
Caballero confía en que o Goberno consiga sacar adiante os orzamentos e pide que eses presupostos "pensen no interese xeral da cidadanía, non nunha comunidade ou outra" xa que, segundo explica, "o Goberno ten que ser un grande aliado da xente e debe traballar polo interese xeral".