Chantada acolle a primeira cita do ano cos viños da Ribeira Sacra
A edición número 42 do encontro reúne quince adegas da comarca
A feira do viño de Chantada, que se celebra sempre na segunda fin de semana de marzo, é a primeira das citas anuais de exaltación dos caldos con denominación de orixe Ribeira Sacra.
Quince adegas da comarca acudiron nesta ocasión ao encontro, que xa vai pola edición número 42, para dar a coñecer as súas variedades.
"Os tintos saen máis pola mañá e despois de comer, e logo o rosado e o godello, desde as catro da tarde ata as tres da mañá", afirma Leticia Estévez, da adega Pilares de Belesar.
"Á xuventude, quizáis á maioría, gústanlle máis os brancos pero por norma xeral véndese máis tinto", engade Camilo Rodríguez Ferreiro, da adega Cabo do Mundo.
É unha festa para gozar do viño pero tamén para comer. Hai onde elixir pero atopamos quen vén provisto da casa.
Ademais de renderlle culto ao viño, a feira conta con puntos de exposición e venda doutros produtos gastronómicos, ofrece obradoiros para os máis pequenos, e moita música, con concertos, charangas, gaiteiradas e verbena.