Chega Aitor a Galicia, o primeiro temporal do outono
Chega Aitor a Galicia, o primeiro temporal do outono
Trae vento forte e, sobre todo, episodios intensos de chuvia
A chuvia acumulada podería superar os 80 litros en 12 horas
Os parques xa están pechados e o litoral e o interior da provincia de Pontevedra están en aviso laranxa por chuvia e vento que trae o temporal Aitor. O peor agárdase para esta tarde.
Non se fixo de rogar o primeiro temporal do outono. O domingo entrou a nova estación e a golpe de mércores xa temos ás portas do litoral un río atmósférico cargado de borrascas con fortes ventos e moita chuvia.
As nubes descargarán auga especialmente nas provincias atlánticas, onde as acumulacións de chuvia poderían superar os 80 litros por metro cadrado en 12 horas. O peor é a posibilidade de que se rexistren fortes ballóns, con ata 15 litros en menos dunha hora.
Aitor chega forte pero tamén, se cabe, xeneroso. O peor caerá de noite. Joel Cid, de Meteogalicia, di que o peor vai ser entre última hora da tarde e a madrugada. Nese período é cando se rexistrarán as maiores acumulacións de auga. Nese período será xeneralizada en toda Galicia con intensidade localmente forte.
O litoral estará en alerta amarela desde as 15:00 horas por ventos do suroeste de forza sete. As autoridades recomendan circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas asolagadas e non aparcar na beira dos ríos.
Na comarca de Santiago agárdase moita auga, polo que están pechados todos os parques públicos. Tamén na cidade da Coruña prohibiuse o acceso a parques e xardíns, coa previsión de reabrilos mañá, sempre e cando a situación mellore.
O aviso é por vento na montaña de Lugo. Ourense é a provincia que se vai ver menos afectada por Aitor que, aínda que vén intenso, xa o xoves se afasta de Galicia.