Fragata Blas de Lezo e buque Cantabria regresan a Ferrol tras despregarse coa OTAN
Fragata Blas de Lezo e buque Cantabria regresan a Ferrol tras despregarse coa OTAN
Os dous navíos da 31ª escuadrilla da Armada participaron en misións da OTAN no Mediterráneo oriental
A fragata Blas de Lezo arribaba sobre as dez deste domingo nas instalacións militares de Ferrol. En terra, os familiares da tripulación esperaban con emoción a baixada dos seus seres queridos, aos que non vían dende xaneiro.
A mesma emoción, bágoas e apertas eran as que se vivían unha hora antes no peirao lindeiro, onde amarrou o buque loxístico Cantabria.
A fragata multifunción Blas de Lezo leva cinco meses en augas do Mediterráneo oriental participando en misións de disuasión no marco da Alianza Atlántica por mor do conflito bélico de Ucraína. Unha situación especial, que contou dende hai un mes coa intervención tamén do buque loxístico Cantabria.
"O mellor xeito que temos de contribuir á disuasión é estar preparados. Preparándonos constantemente, rutineiramente é como contribuímos á disuasión. E ademais estamos preparados para a defensa se se dá o caso", asegura o comandante da fragata "Blas de Lezo".
"Fixemos todo tipo de manobras de subministración, con material de repostos, víveres, ata medicamentos... Todo o necesario para manter a forza naval operativa, para seguir cumprindo coa misión de control e vixilancia marítima no Mediterráneo occidental", relatou o comandante do buque "Cantabria", Alberto Torres.
A fragata Blas de Lezo permanecerá integrada no operativo da Alianza Atlántica ata finais de xuño, aínda que a súa tripulación poderá estar coa súa familia ata que se reciba unha nova misión.