Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chile sofre a vaga de incendios máis mortífera da súa historia recente

Chile sofre a vaga de incendios máis mortífera da súa historia recente

Ata o momento confirmáronse 112 persoas falecidas 

Os lumes afectan, sobre todo, a rexión central de Valparaíso

G24.gal 04/02/2024 14:05 Última actualización 05/02/2024 06:04

Esta vaga de incendios é a maior emerxencia que enfronta Chile desde o terremoto de 2010.

Comezou o venres e afecta, sobre todo, a rexión central de Valparaíso. As lapas cebáronse cos cerros que rodean Viña del Mar. As autoridades calculan que nesa cidade e na de Quilpué hai arredor de 15.000 casas afectadas.

"Xa non se pode facer nada polas casas. Temos que deixar que se queimen", lamenta un veciño.

"A miña casa está aló en fronte. Estou vendo como arde", chora unha muller.

Hai 112 falecidos confirmados.

"Só neste sector, entre 12 e 14 corpos, entre eles nenos, maiores, mulleres", conta un rescatista.

O lume avanzou ata agora moi rapidamente, favorecido por temperaturas inusualmente altas, refachos fortes de vento e unha humidade moi baixa. 

"Escureceu todo, o vento parecía un furacán. Era como estar no inferno", relata unha veciña.

As condicións melloraron algo nas últimas horas.

Estado de excepción

O presidente do país, que decretou estado de excepción, pediulle á poboación que atenda ás posibles ordes de evacuación.

"Non dubide, se lle chegou a mensaxe é porque ten que facelo", insistiu Gabriel Boric.

As autoridades sospeitan da intencionalidade dos incendios e prometen investigalos. Os expertos achácanos a un aumento das temperaturas fóra do normal e ao impacto dun modelo forestal baseado no monocultivo de piñeiro e eucalipto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade