Choque diplomático entre a embaixada de Israel e o Goberno español
Choque diplomático entre a embaixada de Israel e o Goberno español
Israel acusaba a "certos elementos dentro do Goberno" de aliñarse co terrorismo
Sen nomear ningún ministro nin ministra en concreto, pero veladamente referíndose ás de Podemos, a embaixada israelí condenaba a través deste comunicado as declaracións que pedían o recoñecemento do Estado de Palestina. Israel acusaba "certos elementos dentro do Goberno" de aliñárense co terrorismo. E pedíalle a Sánchez que condenara estas declaracións de xeito inequívoco.
Pouco antes das nove da noite, mediante comunicado tamén, respondía o Goberno en funcións rexeitando o que chamou falsidades. "Calquera responsable político pode expresar libremente posicións como representante dun partido político", di o texto, e engade que a única solución viable pasa por dous estados que coexistan en paz.
Horas antes, desde Tirana, Sánchez lanzaba a mesma mensaxe como presidente de quenda da Unión Europea.
Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "A única maneira de resolver definitivamente o conflito é o recoñecemento dos dous Estados para que poidan coexistir".
Sumar esixiu que España recoñeza o Estado palestino pola súa conta e pono como condición para reeditar o goberno de coalición.
Ernest Urtasun, portavoz de Sumar: "Cremos que chegou o momento de que España recoñeza o Estado palestino de xeito unilateral, incondicional e urxente".
Dentro de Sumar, Podemos vai máis alá. Pide levar a Netanyahu ante a Corte Penal Internacional por crimes de guerra.
Maria Teresa Pérez, Podemos: "Temos que aproveitar que somos presidencia do Consello da Unión Europea para frear a Netanyahu. Pedro Sánchez ten que facer máis".
PP e Vox cren que este debate interno entre os socios dana a posición internacional de España.
Santiago Abascal, Presidente de Vox: "O Goberno ten a admiración do terrorismo de Hamas metida dentro do Consello de Ministros".
Borja Sémper, vicesecretario do PP: "Proxectamos esa mesma imaxe: un Goberno roto, pouco fiable, a idea de que Pedro Sánchez non é de fiar ante a comunidade internacional. No exterior non só non se entende, senón que se censura e nos debilita no plano global".