Publicador de contidos
Publicador de contidos

Choque nas negociacións entre o PSOE e Sumar pola redución da xornada laboral

Choque nas negociacións entre o PSOE e Sumar pola redución da xornada laboral

Os de Yolanda Díaz consideran "fundamental" que se inclúa no acordo de Goberno da coalición

Nadia Calviño asegura que a negociación dos horarios laborais debe levarse a cabo cos axentes sociais

G24.gal 23/10/2023 14:55

PSOE e Sumar déronse de prazo ata finais de outubro para pechar un acordo de coalición. Os de Yolanda Díaz cren que están "a tempo de cumprir os prazos", pero, segundo o voceiro da formación, Ernest Urtasun, "aínda quedan cuestións que deben ser resoltas".

Entre esas cuestións pendentes está a redución da xornada laboral, que Sumar considera "fundamental" incluír no acordo.

Pero o PSOE cre que ese acordo de investidura non é o marco adecuado para este asunto. Segundo Nadia Calviño, vicepresidenta primeira e ministra de Economía en funcións, "a situación de cada sector ou de cada empresa é diferente (...) e por iso a aproximación ten que ser a de iniciar un diálogo cos axentes sociais e, dentro da negociación colectiva, abordar o horario de traballo, que é onde ten que situarse esa negociación".

Pola súa banda, Podemos pide protagonismo nesas conversas entre Sumar e o PSOE e que se inclúan as súas propostas. Segundo Pablo Fernández, voceiro dos morados, o programa que se negocia é "insuficiente" e insta os dous partidos a "reavaliar o contido dese acordo para que sexa moito máis ambicioso".

Da outra fronte de negociacións, con ERC e Junts, pouco transcende. Aínda así, Ernest Urtasun, voceiro de Sumar, amosouse "optimista" e apuntou que as conversas cos cataláns "avanzan de forma razoable".

Estes luns, os republicanos insistían nas súas condicións: "a amnistía, o dereito á autodeterminación e o benestar da cidadanía". Segundo a voceira de ERC Raquel Sans, "a primeira entendemos que é unha carpeta xa resolta da que hai que concretar os detalles e hai que abordar as dúas seguintes".

Pola súa banda, o PP insiste en que a presidenta do Congreso poña data ao pleno de investidura.
Segundo Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido, "non so non hai data para o debate, senón que todas as conversas son absolutamente clandestinas". Na súa opinión, "os españois, o único que saben, é que isto non o votaron" e por iso considera que sería mellor repetir eleccións o 14 de xaneiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade