Cinco anos do incendio da catedral de Notre Dame
Cinco anos do incendio da catedral de Notre Dame
Segue sen esclarecerse como se iniciou o incendio
A catedral reabrirá as súas portas o vindeiro 8 de decembro
Tal día coma hoxe fai un lustro ardía ante a mirada atónita dos franceses a catedral de Notre Dame. O lume declarouse na parte superior do templo, arrasou a emblemática agulla da catedral, derrubou o tellado e danáronse tres bóvedas, dous rosetóns e un dos órganos.
Máis de 400 bombeiros loitaron durante horas para combater un lume que cinco anos despois segue sen esclarecerse como se iniciou.
As imaxes das lapas devorando a famosa catedral gótica conmocionaron o mundo e chegáronse a recadar 840 millóns de euros por parte de mecenas de máis de 150 países diferentes.
"Polo meu traballo experimentei a catedral a todas as horas do día durante case 40 anos, o templo está na miña vida e no meu corazón. Espero que recupere a espiritualidade que tiña", sinala Olivier Latry, un dos organistas de Notre Dame.
Notre Dame rexorde das súas cinsas e os complexos traballos de reconstrución marchan a bo ritmo.
O Goberno francés comprometérase dende o momento do incendio a reabrir de novo a catedral. Non poden tela lista para os Xogos Olímpicos deste verán pero xa fixaron unha data. O vindeiro 8 de decembro, coincidindo coa festividade católica da Inmaculada Concepción, volverá entrar público en Notre Dame.