Cinco mil persoas camiñan contra a violencia machista en Galicia
Cinco mil persoas camiñan contra a violencia machista en Galicia
A Conselleira de Igualdade convida a unir esforzos para acabar con todas as formas de violencia de xénero
Eran as once da mañá e unhas 350 persoas comezaban a andaina contra a violencia de xénero, no monte do Gozo en Santiago. A marcha do 'Camiño ao respecto' que cada ano organiza a Xunta con motivo do 25-N desenvolveuse desta vez en distintas localidades e vilas cuns cinco mil participantes en toda Galicia.
A Conselleira de Igualdade fixo a camiñada xunto ás conselleiras Rosa Quintana e Ethel Vázquez, entre outras autoridades e representantes de diferentes ámbitos da sociedade.
Na praza do Obradoiro, María Jesús Lorenzana facía unha chamada ao conxunto da sociedade a unir esforzos para acabar con todas as formas de violencia de xénero.
"Temos por diante novos retos nos que dar a batalla como é a prevención do acoso laboral, a violencia dixital e a violencia sexual e temos que facelo xuntos, e por suposto, non só nun día coma hoxe, senón os 365"
A conselleira pechou a súa intervención cun recordo para Mónica Marcos, a última vítima da violencia machista en Galicia, asasinada en setembro pola súa exparella.