Cobran un suplemento aos pais polo mal comportamento dos fillos nun restaurante
Cobran un suplemento aos pais polo mal comportamento dos fillos nun restaurante
Sucedeu nos Estados Unidos, pero a noticia reaviva o debate sobre o veto aos nenos
Os expertos din que é unha práctica ilegal e moi diferente ao dereito de admisión
En España un 8 % dos establecementos hoteleiros son só para adultos
Os nenos correron e berraron no restaurante e os donos do local cobráronlles un recargo de 50 dólares aos pais. Sucedeu en Xeorxia, pero a polémica chega ao noso país, onde xa hai un 8 % de establecementos só para adultos.
"Todos fomos travesos de nenos, hai que ser tolerante".
"Se un pai precisa comer, non vai deixar o neno fóra, paréceme fatal".
"Podes dicirlle ao neno ou aos seus pais que non berren tanto, pero non deixalos entrar...".
"E despois que será? Prohibir entrada aos maiores? o mundo vai a peor", comentan na rúa.
En Consumo, téñeno claro. Unha cousa é o dereito de admisión, que se aplica por igual a todas as persoas, e outra ben diferente é discriminar un colectivo.
"Ese tipo de limitación é completamente ilegal, está no artigo 14 da Constitución, é unha discriminación por idade. Non poden impedir que entre unha familia cos nenos, por moito que o publiciten como so para adultos", explica Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.
Educadores e psicólogos recordan que é responsabilidade colectiva educar a rapazada en determinados comportamentos. Sen excluílos da vida pública por actuar como o que son.
"Non teñen as mesmas habilidades, as mesmas capacidades, é lóxico que os nenos se comporten de xeito diferente. O que temos que facer como sociedade, pais en primeiro termo, pero toda a sociedade é ensinarlles a que vaian adquirindo habilidades sociais para interaccionar nos diferentes contextos nos que se desenvolven", engade Teresa Sánchez Castaño, profesora de Psicoloxía Infantil da USC.
Malia non poder prohibir a entrada, o que si poden facer os hostaleiros é ofertar un servizo máis ou menos atractivo para o público familiar.