Cobrar unha axuda por ir traballar en bicicleta
Cobrar unha axuda por ir traballar en bicicleta
Nalgúns países europeos pagan por aparcar o coche e ir traballar pedaleando
A bicicleta é o medio de transporte máis sostible
Esta foi a única persoa que vimos esta mañá subida a unha bicicleta. Santiago non é unha das cidades onde máis se usa no día a día. Con todo, a idea de recibir unha axuda por aparcar o coche e ir traballar pedaleando gusta.
"Sería magnífico, porque a bicicleta non consome".
"Paréceme necesario e pareceríame estupendo medidas para favorecer a mobilidade e iso, o uso da bicicleta".
Pero é necesaria unha axuda económica para fomentar o seu uso?
"Non sería o que máis me incentivaría. Se polo meu traballo puidese ir en bicicleta, sen problema ningún".
"Home, eu non, porque traballo a trinta quilómetros, pero se traballara aquí en Santiago, si. Santiago non é a mellor cidade para andar en bicicleta, pero si que hai que apostar por ela".
"O que habería era que amañar o xeito de moverte en bicicleta".
"Non, eu creo que perfectamente se podería facer, só hai que ter vontade de facelo, nada máis".
O que non son discutibles son os beneficios que achega.
"Para empezar, saúde, porque fas exercicio".
"Non collerías tantos atascos, chegarías antes, non terías problemas para aparcar o coche".
"Diminuiriamos fumes e contaminación".
Os Países Baixos, o Reino Unido, Bélxica, Dinamarca, Alemaña e Francia contan xa con subvencións. Nalgúns casos son axudas directas por quilometraxe, pero na maioría son incentivos fiscais para os que elixen a bicicleta para ir traballar.