Publicador de contidos
Publicador de contidos

Publican un anuncio cos horarios e produtos á venda nunha suposta narcovivenda

Publican un anuncio cos horarios e produtos á venda nunha suposta narcovivenda

O cartel apareceu na porta dunha suposta narcovivenda no barrio coruñés do Castrillón

Escrito en ton satírico, o letreiro xa foi retirado

Letreiro anunciando droga que apareceu nun suposto punto de venda no Castrillón
G24.gal 04/04/2023 14:16

Os veciños do barrio do Castrillón, na Coruña, aínda non dan creto da ocorrencia. Na porta dun suposto punto de venda de droga, aparecía un cartel publicitando as substancias, os prezos e os horarios de atención ao público da narcovivenda

"O luns pechado, o martes festival e o mércores 2x1 en papelinas", le o presidente da asociación de veciños, Ramiro Otero.

"E despois os prezos: coca, 60 euros; base, 40; herba, sete", engade, aínda incrédulo. 

Conta que o letreiro apareceu despois dunha intervención policial na vivenda, que rematou cunha persoa detida.

"Ás dúas horas volveron colocar a porta e, de cachondeo, colgaron un cartel de venda de drogas e estupefacientes", relata Otero. 

O cartel xa foi retirado e, malia que saben que foi unha broma, din que foi "macabra". Parécelles que "están cachondeándose da xente". E é que pouca broma queren no barrio coa situación que viven.

Denuncian que hai meses que nesta vivenda ocupada hai venda de drogas, e medra a sensación de inseguridade na zona.

"A xente vai con medo á compra porque non é a primeira vez que dan un tirón", di unha veciña.

Din que hai vixilancia policial, pero que non abonda para erradicar o problema: se conseguen desaloxalos dun punto, saltan a outro. 

"Temos unha cantidade aquí destas casas pequenas que se meten os ocupas traficar, e non hai outra cousa", explica un veciño do Castrillón. 

Dende a asociación veciñal piden tapiar ou derrubar as vivendas abandonadas que quedan no barrio, para ver se conseguen desaloxar os traficantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade