Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Comadre', palabra do ano 2022, nunha reivindicación da solidariedade entre mulleres

'Comadre', palabra do ano 2022, nunha reivindicación da solidariedade entre mulleres

O termo conseguiu o dobre de votos ca o segundo máis apoiado, 'candorca'

G24.gal 27/12/2022 12:00

'Comadre' é a palabra do ano 2022. Resultou ser a máis votada no Portal das Palabras entre as seis finalistas, onde tamén estaban 'autoestima', 'candorca', 'ecocidio', 'inflación' e 'resiliencia'.

O Dicionario da Real Academia Galega, explica a propia Academia na súa páxina web, define comadre nas acepcións relacionadas co parentesco, pero na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga en que se ten especial confianza. Con este significado, que recorda ás mulleres que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo.

Así, a través desa tradición, reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres, afirma a RAG. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe.

A proposta da palabra gañadora partiu das Comadres das Letras, un grupo de mulleres unidas arredor dun obradoiro de literatura que a estendeu a través das redes sociais e prendeu con forza xa na primeira fase da elección da Palabra do Ano, a da recolla de suxestións, e na segunda, a determinante, acadou a complicidade da maioría das persoas que participaron na elección telemática.

Conseguiu, de feito, máis do dobre de votos que o segundo termo máis apoiado, 'candorca'. O terceiro termo en votos foi 'ecocidio', seguido de 'resiliencia', 'autoestima' e 'inflación'.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade