Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comesaña: "Incorporar 35 médicos de familia en toda España é un insulto á especialidade" 

Comesaña: "Incorporar 35 médicos de familia en toda España é un insulto á especialidade" 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tamén afirmou que o 70 % dos abortos en Galicia se desenvolven a través da sanidade pública

G24.gal 31/08/2023 13:12

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, concedeu unha entrevista á Radio Galega co obxectivo de facer unha primeira valoración da tempada de verán, con esta chegando á súa fin. Uns meses que o conselleiro recoñece como tranquilos, cunha demanda baixa, algo que agradeceu ao traballo dos profesionais da sanidade galega. 

Con todo, Comesaña asegurou que existe un gran déficit de médicos de familia, tanto a nivel autonómico como nacional.

Segundo comentou o conselleiro, esta situación levou tanto a Galicia como a un conxunto maioritario de autonomías a estender ao Congreso dos Deputados unha proposta de ampliación de medicina de familia a nivel estatal, competencia do Ministerio de Sanidade. Malia este intento, o departamento presidido por José Miñones deixou en 35 a cifra das incorporacións nesta especialidade de cara ao próximo 2024.

"Escoitar o Ministerio de Sanidade presumir de que no mes de maio do ano que vén se van incorporar 35 médicos de familia en toda España é un insulto á especialidade, aos profesionais e á cidadanía", afirmou Comesaña. 

Ao máximo responsable da sanidade galega tamén lle preguntaron pola situación do aborto na comunidade, concretamente no ámbito da atención pública.

García Comesaña trasladou o dato de que o 70 % das intervencións levadas a cabo en Galicia desenvólvense a través da sanidade pública.

Ademais, o conselleiro remarcou que calquera muller que queira levar a cabo un aborto mediante a atención pública galega ten o proceso cuberto e garantido.

Outro dos temas tratados durante a intervención foi o do incremento de casos da covid vividos ao longo dos meses de verán.

Neste eido, o conselleiro chamou á calma, afirmando que, dun tempo a esta parte, a sociedade convive co virus. "A pesar da suba de casos, de que esa incidencia non foi tan baixa como o ano pasado, non repercutiu a nivel asistencial. No caso dos ingresos, moitos viñan acompañados doutra patoloxía", dixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade