Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Carreira da Muller da Coruña fai historia con 7.000 participantes

A Carreira da Muller da Coruña fai historia con 7.000 participantes

Chega á súa undécima edición potenciando o deporte feminino e a vida saudable

A loita contra o cancro de mama e contra a violencia machista son os símbolos da proba

Estiveches na Carreira da Muller? Búscate aquí.
G24.gal 22/09/2024 09:49 Última actualización 22/09/2024 18:27

Sete mil mulleres na liña de saída. Foi a participación máis alta da historia da Carreira da Muller da Coruña, a undécima edición dunha proba marcada en rosa no almanaque.

"O primeiro que facemos é mirar o calendario, que domingo cae. E ese domingo, chova, trone ou diluvie, erguémonos ás seis, collemos o autobús e aquí estamos", conta unha participante.

Están porque comparten o propósito da carreira, os obxectivos polos que esta iniciativa botou a correr hai vinte anos.

"É unha carreira que naceu co obxectivo de fomentar o deporte entre as mulleres. Queremos que cada vez sexamos máis as mulleres que poñemos as zapatillas para correr ou camiñar. Falamos de prevención e investigación en cancro de mama, que foi unha das primeiras causas que se uniron á carreira. Ademais, todas levamos no dorsal o 016, o teléfono de atención ás vítimas da violencia machista, para darlle visibilidade a esta problemática", explica Henar Calleja, Voceira da Carreira da Muller.

"A carreira máis emocionante do ano. Gañan as mulleres", asegura Loreto Silvoso.

Contra o cancro de mama, polas que o superaron, polas que están no camiño e polas que xa non están. As participantes completaron un circuíto de algo máis de seis quilómetros pegados ao Atlántico. 

"É unha emoción. Quizais os que pasamos por iso nos emocionamos un pouco máis, pero é bonito ver tantas mulleres. Hai que loitar, pódese".

"Miña nai tivo cancro hai uns anos. Como o superou estamos moi contentos e celebrámolo cada ano".

Laia correu en recordo da súa tía. Foi a primeira en chegar á meta.

"Temos que agradecer que temos saúde, que podemos desfrutar correndo e poñendo as zapatillas e con iso temos que quedar".

Foi a gañadora dunha carreira que sempre é un éxito colectivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade