Douscentos especialistas médicos analizan en Santiago a abordaxe dos cancros neuroendócrinos
Douscentos especialistas médicos analizan en Santiago a abordaxe dos cancros neuroendócrinos
Algúns son moi raros e tardan ata sete anos en dar a cara, por iso compartir coñecemento é fundamental
Radiólogos, médicos nucleares, cirurxiáns, oncólogos médicos... Douscentos especialistas de moitas ramas e todo os puntos de España reúnense en Santiago para tratar de avanzar na abordaxe dos cancros neuroendócrinos.
"O que facemos é repasar e poñer en contexto cada avance que houbo nos distintos tumores que tratamos no grupo", explica Jaume Capdevila, oncólogo médico e presidente do Grupo Español de Tumores Neuroendócrinos e Endócrinos
Son tumores heteroxéneos, algúns moi pouco frecuentes e difíciles de diagnosticar, algúns moi agresivos ou con opcións de tratamento limitadas.
"Algúns deles non dan a cara por analítica, non temos diagnósticos precoces, non podemos facer mamografías ou colonoscopias coma noutros tumores, e moitas veces, por desgraza, os síntomas témolos cando aparece a metástase", engadiu Jaume Capdevila, o presidente do GETNE.
Por iso é tan importante que os profesionais se xunten e poidan compartir as aprendizaxes e os avances. Avances con terapias personalizadas, ou dirixidas con radiofármacos para atacar directamente o tumor.
"Hoxe en día as técnicas de secuenciación, onde Galicia é un centro de referencia con diversos proxectos desta índole, permítennos diferenciar dous tumores que en principio poden parecer iguais, pero que se comportan de xeito distinto", Nieves Martínez, presidenta do Grupo Galego de Tumores Neuroendócrinos e Endócrinos.
Unha vez identificados e diferenciados os tumores poden atacarse máis pola alteración dos xenes que polo órgano ao que afectan. Por iso, explican, hoxe en día a práctica clínica non se entende sen laboratorios de investigación e sen simposios coma este onde compartir o que se sabe.