O servizo robótico do CHUO, líder en cirurxía contra o cancro de mama
O servizo robótico do CHUO, líder en cirurxía contra o cancro de mama
Especialistas de toda España reciben formación no complexo hospitalario ourensán para o uso da tecnoloxía robótica
A cirurxía robótica non mellora os resultados oncolóxicos, explican, pero facilita a recuperación postoperatoria
Este sábado celébrase o Día Mundial do Cancro de Mama
Especialistas de toda España reciben formación no complexo hospitalario ourensán para o uso da tecnoloxía robótica nas operacións de cancro de mama. Foi o centro pioneiro neste tipo de cirurxía, menos invasiva e que permite unha recuperación máis rápida das pacientes.
Este 19 de outubro, Día Mundial do Cancro de Mama, é un bo momento para facer balance. En dous anos que leva operativo no hospital de Ourense, o robot Da Vinci leva asistido os cirurxiáns en máis de corenta operacións de cancro de mama. Mastectomías con reconstrución mediante prótese mamaria que se realizan a través dunha pequena incisión.
"Con moi bos resultados tanto desde o punto de vista estético como funcional: as mamas recupéranse mellor e quedan máis naturais, máis parecidas ao que había antes da operación", di Manuel García, xefe do Servizo de Cirurxía do CHUO.
O hospital de Ourense foi o primeiro da sanidade pública española en implantar esta técnica e actúa como centro de referencia, onde se imparte formación e acreditación a outros especialistas. Xa se implantou en Badalona e está en proceso en Málaga e Madrid.
"Nestes últimos seis meses viñeron tres grupos de cirurxiáns do resto de España e está previsto que veñan aínda máis no que queda de ano", di Manuel García, xefe do Servizo de Cirurxía do CHUO.
Os avances tecnolóxicos, en radioterapia e nos tratamentos individualizados, son claves na abordaxe do cancro con maior incidencia entre as mulleres.
"O que máis mortalidade produce nas mulleres, pero xa se cura o 85-90 % das pacientes", afirma Jesús García Mata, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUO.
A cirurxía robótica non mellora os resultados oncolóxicos, explican, pero facilita a recuperación postoperatoria.