Sanidade financiará dous fármacos para o cancro de mama metastásico
Sanidade financiará dous fármacos para o cancro de mama metastásico
As pacientes poderán recibir o tratamento con Enhertu e Trodelvy ter que asumir un custo que pode chegar aos 5.500 euros por ciclo de 21 días
Logrouse tras unha forte reivindicación e unha campaña que recolleu máis de 150.000 sinaturas
A Comisión Interministerial do Prezo do Medicamento (CIPM) aprobou este xoves o financiamento dos fármacos Enhertu e Trodelvy destinados a pacientes con cancro de mama metastásico, recomendados por Europa e que demostraron a súa eficacia e unha media de 23 meses de supervivencia, informaron fontes da reunión.
Coa autorización destes fármacos dáse resposta a unha reivindicación histórica destas pacientes que viron como a CIPM rexeitaba ata en catro ocasións (tres este mesmo ano) a proposta de financiamento dos fármacos alegando criterios económicos.
Por iso, as pacientes emprenderon un movemento para dar visibilidade á necesidade destes tratamentos, que se resumiu nun lema que fixeron viral nun vídeo: "Sen tratamento, morremos".
Ademais, este movemento de pacientes iniciou unha campaña en Change.org que reuniu máis de 150.000 sinaturas.
A aprobación do financiamento público dos fármacos conseguiuse tras aceptar a empresa comercializadora a proposta do Ministerio de Sanidade e recibir o visto e prace da CIPM, integrada por catro ministerios (Sanidade, Industria, Facenda e Economía), e das comunidades autónomas, que se van aquendando cada seis meses nos que só tres teñen voto (nesta ocasión están Castela-A Mancha, Murcia e Aragón).
Coa aprobación do financiamento destes fármacos, as pacientes poderán recibir a administración dos mesmos sen ter que asumir un custo que pode chegar aos 5.500 euros por 21 días de ciclo.
Esta semana, tres pacientes con cancro de mama metastásico (Victoria, Rosa e Raquel) compareceron no Senado para trasladar aos senadores a súa reivindicación, e obtiveron da Comisión de Sanidade da Cámara Alta o compromiso dos grupos políticos.
En España, 18 mulleres morren cada día por cancro de mama metastásico e 6.500 falecen ao ano. Novos medicamentos, como Enhertu e Trodelvy, ofrecen boas perspectivas e anos de supervivencia, pero a Sanidade española, ata o de agora, non os financiaba.
No que vai de 2024 diagnosticáronse 34.000 novos casos de cancro de mama, o 5 % debutou como cancro de mama metastásico e o 30 % acabará por evolucionar a metástase.